O número de usuarios que visitaron o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro (PAAR) durante o ano 2016 foi de 13.770, case un 21% máis con respecto ao ano 2015.
O público aumentou en todas as tipoloxías: grupos, escolares e individuais. No segmento de escolares cabe destacar que máis de 100 centros educativos das catro provincias galegas visitaron o PAAR no ano 2016, con preto de 6.000 nenos.
Con respecto ás actividades promovidas desde o parque, outro dos puntos positivos do ano foi a consolidación da oferta formativa coa celebración de dous cursos: "Técnicas de rexistro e interpretación da arte rupestre" e "Curso de redución e fundición prehistórico do metal" que atraeron a máis de 200 alumnos.
Alén desta oferta formativa, houbo actividades como a exposición de "Figuras nas rocas. Un percorrido visual polos petróglifos de Galicia" de Xullo Gil, o "Showcooking prehistórico" de PrehistoricSkill, as visitas teatralizadas dos "Quinquilláns e Volta de Dálle Teatro" e a "Xornada de Fundición" realizada por Aaron Lackinger (Uvigo) que conseguiron unha boa aceptación por parte dos usuarios.
O cambio de formato de Noitepedras foi tamén un dos éxitos do ano 2016. As visitas nocturnas cos percorridos novos e a incorporación temática da astronomía fixeron que os venres de xullo, agosto e setembro máis de 250 persoas gozasen desta experiencia única.