Setembro nunca foi, tradicionalmente, un bo mes para as estatísticas de emprego e este ano non é unha excepción. O paro na provincia de Pontevedra crece en 940 persoas e sitúase en 102.658 desempregados.
A subida do número de parados vén provocada polo maior desemprego no sector servizos (1.844 parados máis), unha actividade afectada polo final da temporada estival.
Polo contrario, o resto de sectores experimentan lixeiros descensos. A construción (266 parados menos), a industria (146 menos), a agricultura (35 menos) e os parados sen emprego anterior (457 menos) conseguiron aliviar, en certa medida, o aumento do desemprego en setembro.
En canto ao número de contratos, en Pontevedra formalizáronse 23.908 contratos, dos cales só 1.476 foron de carácter indefinido. ÿ o 6,17% do total. O resto, 22.432, foron contratos temporais.
Datos moi negativos, segundo a CIG, non tanto para a Xunta
As primeiras reaccións a estes datos do paro chegaron desde o sindicato CIG, cuxo secretario comarcal, Rafael Iglesias, indicou que aínda que son negativos "xa os esperábamos". Pontevedra, recordou, ten un sector da construción importante "e todas as empresas e auxiliares estanse vendo afectadas", igual que outros sectores tradicionalmente activos na provincia como o naval ou a automoción. "A crise empeza a acentuarse nunha cidade de servizos como a nosa e iso vese".
Iglesias recordou que a patronal recoñece que o paro aumentará en 2013 ata os seis millóns de persoas, algo que se verá agudizado, dixo, polas políticas económicas de austeridade e recortes "que ou único que fan é diminuir ou consumo, creando un círculo vicioso xa que baixan os salarios, a xente consume menos e sobran traballadores nas empresas".
Pola súa banda, para a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Ana María Diaz, os datos do paro en Galicia, que subiu no seu conxunto en 2.106 persoas, un 0,8%, "non son positivos", pero destacou que reflicte un mes de setembro cun mellor comportamento que nos últimos anos.
"Desde 2007, non se produce un incremento tan pequeno en setembro. O paro só baixa en dúas comunidades moi ligadas coa vendima, Castilla La Mancha e La Rioja, e somos a segunda na que menos sube. Só Canarias logra un dato mellor", explicou Ana María Díaz, que destacou que por primeira vez os datos de paro en términos interanuales sitúanse ao nivel da media do estado, nun 11,3%.