O paro cae en Caldas ata mínimos históricos

Umia
04 de novembro 2022

A taxa de paro baixa por primeira vez no municipio ata o 11,5 % desde o 19,7 % rexistrado no 2017. A cifra total de parados é de 510, a máis baixa da serie histórica

Vista da casa consistorial de Caldas de Reis
Vista da casa consistorial de Caldas de Reis / Concello de Caldas

O paro rexistrado en Caldas de Reis descendeu por primeira vez en outubro, concretamente en 25 persoas respecto ao mes anterior, e en 61 persoas menos que hai un ano. 

A cifra total de persoas en paro é actualmente de 510 persoas, a máis reducida na serie histórica. O paro feminino é superior, con 298 mulleres en paro fronte a 212 homes. Por idades, soamente hai 24 menores de 25 anos en paro.

Respecto ao mes anterior ao inicio da pandemia, febreiro do 2020, son 231 persoas menos, polo que se recuperou sobradamente todo emprego afectado pola pandemia e incrementouse de forma máis que notable.  

Cunha perspectiva máis longa, o descenso aínda é máis importante, xa que son 278 parados menos que hai cinco anos, en outubro de 2017, cando eran 788 as persoas en situación de paro

A taxa de paro rexistrado sitúase no 11,5%, oito puntos por debaixo do 19,6% de hai cinco anos, en outubro de 2017. En Caldas, o máximo histórico produciuse no ano 2012 no que a taxa de paro chegou ao 30,55 %.

O alcalde, Juan Manuel Rey, valorou moi positivamente estes novos datos destacando que “a diversificación económica de Caldas, o dinamismo empresarial en moitos sectores de actividade e o impulso público municipal ao desenvolvemento socioeconómico da vila permite reducir a taxa de paro a niveis históricos, xerando novos empregos e mantendo os xa existentes”.

Por sectores de actividade, do sector servizos hai 333 persoas en paro, 74 da industria, 47 da construción, 31 sen emprego anterior e 25 da agricultura. Respecto ao mes anterior, a baixada prodúcese principalmente nos sectores de servizos (-17) e da agricultura (-8).

A nivel da comarca de Caldas tamén estase a un dos niveis máis baixos da serie histórica, o máis baixo foi en agosto deste ano, cun total de 1.772 persoas en paro, 37 menos que o mes anterior, 141 menos que no mes de outubro do ano pasado, e 834 menos que hai cinco anos.