A responsable de Política Institucional do grupo socialista, Marisol Soneira, sinalou este martes o "medo" do PP a aprobar unha moción do PSdeG para pedir un "estudo serio" sobre a viabilidade das fusións de concellos que poida poñelas "en cuestión".
Así o dixo durante o debate da proposta socialista no Pleno do Parlamento, que foi rexeitada polo grupo popular.
Os socialistas galegos reclamaron que a Xunta presente un estudo de reordenación da planta local que poida ser utilizado como base para as iniciativas de fusión ou cooperación supramunicipal, e que analice as características socioeconómicas e demográficas, os niveis de servizos e administrativos ou a potencial integración en áreas socioeconómicas concretas.
Tamén solicitou recomendacións sobre as integracións ou cooperación de diferentes concellos para mellorar os servizos para a poboación ou calquera outra fórmula que permita unha planificación racional do mapa municipal de Galicia.
"NINGÚN EFECTO SOBRE O REPARTO DE DEPUTADOS PROVINCIAIS"
O Partido Popular, ao contrario do afirmado polo grupo parlamentario socialista, asegura que a fusión entre Cerdedo e Cotobade e a adhesión do concello resultante nalgún dos distintos partidos xudiciais existentes non conlevaría cambios nin no número de deputados provinciais que representan a cada un destes partidos nin no reparto dos deputados no Pleno provincial.
O voceiro do grupo provincial do PP, Ángel Moldes dixo que "as fusións non se plantexan polo ben dos partidos, se non polo futuro dos veciños e os propios concellos. Se desde o PP ou desde os propios concellos se atendera ao reparto do número de deputados, como faría con total seguridade o PSOE, quizais non se plantexaría, porque os números non benefician ao PP precisamente".
SAYÁNS VE DIFICULTADES NESTA POSIBLE FUSIÓN
Ademais, a Plataforma Non á fusión Cerdedo-Cotobade mantivo este martes unha reunión co alcalde de Campo Lameiro, Julio Sayáns.
Segundo os voceiros desta plataforma o alcalde popular "non considerou oportuno continuar adiante neste proceso, ao non permitírselle facer unha consulta veciñal", xa que o rexidor de Campo Lameiro considera "primordial e imprecindible a participación dos veciños dende o primeiro momento".
Por outro lado, o rexidor campolameirán, segundo apPlataforma, adimitiu que a Conca do Lérez "non resultou tan beneficiosa como se esperaba". Destacou a dificultade para mancomunar servizos e unificar distintos aspectos, como poden ser os impostos nos distintos concellos.