Facilitar as actuacións de rehabilitación nas vivendas existentes na illa de Ons. É o obxectivo da proposición non de lei que o Parlamento galego aprobou por unanimidade e que inclúe solicitar á Xunta de Galicia que declare todo este espazo como área de rehabilitación integral (ARI), seguindo o exemplos dos centros históricos de Santiago ou Pontevedra.
A proposición, presentada polo Partido Popular, consideraba que as construcións existentes en Ons, ademais do seu valor intrínseco teñen una importancia na súa relación co espazo natural e co Parque Nacional no que se atopan.
Todas elas, entenden, merecen ser atendidas dun xeito especial, como sería a súa inclusión nunha área de rehabilitación integral declarada.
Deste xeito, todos os deputados da cámara autonómica coincidiron na necesidade de fomentar e potenciar a conservación do patrimonio edificado neste parque natural, ademais de manter o seu crecente interese e atractivo turístico.
A declaración da illa de Ons como área de rehabilitación integral facilitará financiamento para a adecuación das vivendas, a mellora dos espazos públicos e do equipamento local.
O patrimonio natural de Ons fai desta illa, segundo os populares, un espazo para protexer e coidar.