O Parlamento de Galicia aprobou este mércores unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que renuncie ao bombeo de auga desde o río Verdugo ao río Oitavén, por estar acreditada como unha medida cun alto impacto e completamente ineficaz para garantir o abastecemento de auga a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra.
Neste sentido, demándase que inicie a tramitación ambiental para avaliar a viabilidade do conxunto de medidas propostas no estudo realizado pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para o abastecemento a Vigo e ao sur da provincia de Pontevedra; declare o abastecemento á cidade de Vigo de interese xeral do Estado; e convoque unha xuntanza cos concellos afectados polas actuacións propostas e coa Xunta de Galicia para explicar e achegar información pormenorizada sobre as alternativas propostas e sobre as súas previsións de actuación.
PESCADORES E MARISCADORAS ÚNENSE Á PLATAFORMA
Por outra banda, a Confraría de Pescadores Virxe do Carmen de Arcade, a Confraría de Pescadores Pedra de Oliveira de Vilaboa e a Confraría de Pescadores de San Xoán de Redondela, sumáronse á Plataforma pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non.
No transcurso dunha xuntanza púxose de manifesto que calquera agresión sobre as concas do Verdugo e Oitavén causarían un "dano irreparable e irreversible" sobre a ría xa que estes dous ríos subministran un caudal continuo de auga doce que "repercutiría de xeito directo na salinidade da ría e da ensenada de San Simón e, polo tanto, nos ecosistemas que habitan na mesma".