O Parlamento galego insta o Estado a que retire a modificación "caprichosa" do regulamento da Lei de Costas

Pontevedra
30 de abril 2019
Actualizado: 21:17

Ademais, demándase que dea traslado á Xunta dun informe exhaustivo sobre todas as concesións que se verían afectadas pola modificación do citado regulamento, en especial aquelas que xa non poderían ser obxecto de prórroga algunha

Parlamento de Galicia
Parlamento de Galicia / Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia aprobou este martes a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta ao Goberno do Estado a que retire a redacción actual da modificación do regulamento da Lei de Costas "por non axustarse á normativa vixente" e que na nova tramitación que se acometa se dea un prazo axustado de alegacións "para que toda a cidadanía e os sectores afectados poida presentar as súas reclamacións".  

Ademais, a través dun acordo entre populares e socialistas se demanda ao Goberno que dea traslado á Xunta dun informe exhaustivo sobre todas as concesións que se verían afectadas pola modificación do citado regulamento, en especial aquelas que xa non poderían ser obxecto de prórroga algunha.

A portavoz do PP, Teresa Egerique, afirmou que "estamos ante unha manobra do Goberno do Estado coa que tenta vestir e dar amparo legal a decisións caprichosas como a de allanarse nos procedementos abertos en relación á prorroga da concesión de Ence".

"Trátase dunha modificación caprichosa do regulamento de Costas que pon en perigo e xera inseguridade a moitas empresas que traballan día a día en Galicia no ámbito de dominio público marítimo terrestre, xa que prexudicará ás concesións anteriores á Lei de 2013 que, podendo ubicarse legalmente no dominio público marítimo-terrestre, verán reducida a duración da prórroga extraordinaria, así como aquelas concesións que poidan ter outra localización que non sexa necesariamente o dominio público marítimo-terrestre e que, por tanto, xa non poderán solicitar a prórroga", explicou.

En concreto, Teresa Egerique dixo que "o Instituto de Estudos do Territorio identificou en Galicia preto de 5.000 edificacións que están íntegra ou parcialmente en zona de dominio público marítimo-terrestre, entre as que se atopan non só empresas, senón tamén depuradoras, colexios ou escolas infantís".

A socialista Patricia Vilán explicaba na sede parlamentaria a necesidade de adecuar este regulamento de Costas polo que entende que se debe de abrir un novo prazo para alegacións. Acusa, por outra parte, os populares de querer meter medo, xa que a modificación non afecta á acuicultura ao prevalecer a lei de pesca de Galicia para estas concesións. Segundo a deputada socialista as empresas afectadas polo cambio normativo son 394, das que só 29 presentan problemas e non as 5.000 das que fala o PP.

Arquivado en