O Parlamento Europeo rexeita o acordo pesqueiro que deixou fora de Mauritania á flota cefalopodeira

Pontevedra
29 de maio 2013

O voceiro de CIG-Mar, Xabier Aboi, non puido acudir á votación en Bruxelas acompañando aos mariñeiros marinenses afectados polo peche do caladoiro mauritano. Tiña o billete, pero quedou en terra porque unhas horas antes perdeu o DNI e na compañía aérea non o deixaron voar utilizando o carné de conducir

O acordo pesqueiro polo que a frota cefalopodeira galega quedou sen faenar nos caladoiros de Mauritania recibiu este mércores un forte revés. A comisión de Pesca do Parlamento Europeo rexéitao e pide que a Comisión Europea negocie un novo.

Os eurodeputados votaron un informe elaborado polo parlamentario do PP de Canarias Gabriel Mato no que alerta de que as condicións do acordo Europa-Mauritania son prexudiciais para a frota e pide que se negocie un novo. O informe tivo 16 votos a favor, seis en contra e unha abstención, de modo que o balance final é que a comisión de Pesca do Parlamento pide o rexeitamento ao convenio pesqueiro.

O informe critica as condicións actuais do convenio porque non resulta rendible" e alerta que é "moi caro para as posibilidades de pesca que ofrece". En canto á afectacion dos cefalópodos, a crítica vén motivada porque se lles deixa fóra baseándose na escaseza de polbo cando eles aseguran que non é así e que o caladoiro está a ser explotado por cefalopoderos chineses.

O resultado desta votación non é vinculante e aínda ten que ser referendado polo Pleno da Eurocámara de xullo, pero supuxo un alivio para o sector. O voceiro de CIG-Mar, Xabier Aboi, valora que "os eurodeputados lle deron nos fuciños á señora Damanaki (comisaria de Pesca da UE) e a Europa".

Tamén a Xunta de Galicia aplaude o resultado. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, viaxou a Bruxelas acompañada polo secretario xeral do Mar, Carlos Domínguez, para presenciar a votación e expresou a súa satisfacción polo resultado negativa, pois "supón un paso máis na busca de que se corrixan os termos do protocolo que resultan lesivos para os intereses da frota galega".

A conselleira ve un "logro do traballo conxunto e coordinado" da Xunta de Galicia, o Concello de Marín e o Goberno central este resultado mentres que Xabier Aboi critica que o "papel tan penoso da conselleira, que en vez de dedicarse co sector a chegar aos eurodeputados, estivo dez meses sen dicir nada e só foi hoxe a quitarse a foto".

O que non puido acudir este mércores á votación foi o propio Xabier Aboi, que non puido voar o martes dende Porto (Portugal) a Bruxelas acompañando os mariñeiros da frota cefalopodera. Tiña o billete, pero quedou en terra porque unhas horas antes perdeu o DNI e na compañía aérea non o deixaron voar utilizando o carné de conducir.

Aboi: "ven demostrar que aquí fai falta un acordo xusto para todos e non un acordo gamberro"

A Xunta de Galicia recorda que esta votación se suma ao logro alcanzado a mediados de abril pasado "cando o Comité Científico da UE ratificou a tese da Xunta sobre o bo estado do recurso do polbo no caladoiro mauritano". Ademais, sinala que este voto negativo da Comisión de Pesca fai que as miradas da Xunta e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente estean postas agora no próximo Pleno da Eurocámara, "onde se podería tombar definitivamente o acordo obrigando a corrixir os termos do protocolo co país africano ou mesmo a renegocialo".

Aboi valora que a votación contraria ao acordo actual "ven demostrar que aquí fai falta un acordo xusto para todos e non un acordo canalla" e felicita os afectados e cidadáns que levan dez meses de mobilizacións contra o acordo actual. O representante de CIG recorda que "o tema non está solucionado", pero cre que é un paso decisivo porque abre a porta a "esixir ao Goberno español que empece a actuar co peso que está referendado por esta votación".

A solución pasará segundo Aboi, por dúas alternativas. "Ou urxentemente se empeza a renegociar un novo acordo pesqueiro que contemple a todos e ás mesmas condicions tanto de pesca coma de canones entre a frota europea e a chinesa ou rusa ou impugnar o acordo pesqueiro", indica.

Arquivado en