Os traballadores do Parador de Pontevedra están en folga. Pero non son os únicos. Os 4.600 traballadores da cadea pública no conxunto do Estado, entre eles tamén os outros tres establecementos na provincia, o de Cambados, o de Baiona e o de Tui, están convocados a protestar polos recortes aprobados recentemente polo Goberno, entre eles, a eliminación da paga extra de Nadal e a rebaixa de permisos retribuidos.
"Non somos funcionarios, nin empregados públicos, senón empregados que traballan para unha empresa pública", denuncian desde CC.OO e UGT, sindicatos convocantes do paro. "Equipárannos a funcionarios públicos cando de todos é sabido que as nosas condicións económicas e sociais son moi inferiores".
Os paros de 24 horas, que se repetirán en todas as pontes festivas ata final de ano, inclúen concentracións de protesta en todos os paradores e supón deixar a estas instalacións só con persoal de seguridade, atención telefónica e mantemento para situacións de urxencia ou necesidades de reparaciones.
Pola súa banda, a cadea pública, que cualificou de "irresponsables" estes paros dado que poden "danar a imaxe da marca" en periodos de maior demanda, asegura que se limita "a cumprir a lei que afecta a todo o sector público, incluídas as sociedades mercantís".