A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que a sede principal de Turismo Rías Baixas, no Palacete das Mendoza, recibiu un investimento de 350.000 euros do proxecto europeo Tourist Inside, mediante o que está previsto actuar paulatinamente nas 33 oficinas da rede Rías Baixas.
Este investimento traducirase na instalación dun elevador exterior porá fin ao problema da accesibilidade permitindo que as persoas con mobilidade reducida poidan entrar directamente ao vestíbulo, e a dotación de diversos equipamentos coma: un sistema de realidade virtual 360º con gafas estereoscópicas, hologramas, unha mesa interactiva, unha pantalla xigante, tabletas con pantalla multitáctil, bucle magnético e impresora de braille.
Segundo sinalou Carmela Silva, todos estes elementos tecnolóxicos transformarán o Palacete das Mendoza "nun espazo de vangarda onde as e os turistas gozarán dunha experiencia inmersiva única" e orientada tamén á plena inclusión de tódolos colectivos, como as persoas con dificultades visuais, auditivas ou con mobilidade reducida.
A Deputación quere deixar atrás o "turismo de folletos" e apostar por "experiencias" a través do "salto de calidade" que permite as últimas tecnoloxías e os teléfonos móbiles para a promoción dos recursos e infraestruturas turísticas da provincia, a mellora da comunicación da imaxe de marca, a realización de estudos turísticos ou o desenvolvemento de proxectos que contribúan á creación de produto turístico.
Os traballos na sede central pontevedresa estarán rematados en menos de tres meses. Unha vez rematados, a experiencia que vivirán as e os turistas que pasen polo Palacete estará distribuída en catro espazos. O primeiro consistirá nunha recreación do xardín do edificio mediante a implantación de elementos de mobiliario con espazo informativo a través de pantallas. Ademais, haberá unha sala inmersiva, un espazo de realidade virtual 360º no que será posible somerxerse dixitalmente nun dos salóns das irmás Mendoza e no ambiente de finais do século XIX a través de gafas estereoscópicas de realidade virtual. Finalmente, contará cun espazo holográfico no que amosarán ás irmás en distintos contextos da súa vida cotiá.
Carmela Silva asegurou que grazas a estas actuacións, a sede de Turismo Rías Baixas converterase na "referencia dunha oficina de turismo moderna, non só na provincia ou en Galicia, senón a nivel do Estado".
O Palacete das Mendoza manterase aberto e operativo durante todo o tempo que dure a súa transformación, aínda que con algúns cambios na atención ao público.