O pai Varela, último relixioso do Sagrado Corazón, recibe a homenaxe dos seus fregueses de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade
26 de xullo 2024

O recoñecemento e despedida xestábase desde primavera entre veciños de Carballedo, Rebordelo, Loureiro, Caroi e Corredoira

Momento da homenaxe ao pai Secundino Varela polos seus fregueses
Momento da homenaxe ao pai Secundino Varela polos seus fregueses / J.A. Santos Garrido

O pai Secundino Varela González, o pai Varela, recibiu este pasado 25 de xullo unha emotiva homenaxe por parte dos seus fregueses das parroquias de Carballedo, Rebordelo, Loureiro, Caroi e Corredoira, todas en Cerdedo-Cotobade.

O que na primavera xurdiu como un recoñecemento destes fregueses pasou a ser unha homenaxe de despedida ao seu párroco tras coñecerse o traspaso de mans na xestión do Colexio Sagrado Corazón de Pontevedra.

A relación entre un feito e outro é que o pai Secundino Varela é o último relixioso que reside no centro educativo.

A organización, entre as cinco parroquias, buscaba un acto pouco numeroso, pero finalmente congregaron a 165 persoas entre amigos e fregueses, de todas as idades e tamén coa asistencia do párroco de Tenorio, don Jesús; o pai Alberto, párroco de Virxe do Camiño e o vigairo de Pontevedra, don Luís Seoane.

Durante a celebración sorprenderon gratamente ao que foi o seu párroco con fotos súas, datos da súa biografía, vídeos de agradecemento de amigos, voces que pedían que quedase, entrega de obsequios e finalmente compartían un petisco durante o que os veciños tiveron ocasión de conversar distendidamente co homenaxeado.

O excedente do ágape foi entregado ao comedor de San Francisco "seguindo os ensinos do homenaxeado".