A Sociedade Xitana de Galicia comezou este venres 7 de marzo a recollida de firmas para solicitar a cadea perpetua revisable con motivo do caso de José Luis Cortiñas, a parella de Lupe Jiménez que se atopa imputado como presunto autor da morte desta muller natural de Poio, que apareceu asasinada a finais do mes de febreiro nunha zona próxima a Lavacolla.
Juan José Cortés, o pai da pequena Mari Luz, a nena de cinco anos asasinada en Huelva en 2008, asistiu a este acto de recollida de firmas para mostrar o seu apoio á familia e sinalar que "hay gente que no tiene capacidad de reinsertarse" e apuntou que a cadea perpetua ten que ser unha ferramenta máis "existe en Estados Unidos y en otros países europeos; y en España, ¿por qué no? ". Sinalou que se está a tramitar no Congreso dos Deputados a lei de cadea perpetua revisable e apunta que non só debe centrarse en casos de pederastia ou de terrorismo "sino también en casos de violencia de género donde la víctima es especialmente vulnerable e indefensa ante el agresor. Es razonable, justo y coherente".
Pola súa banda, María Jiménez, filla de Lupe Jiménez e coñecida xa entre a comunidade xitana como a "filla coraxe" se mostrou moi contenta porque "estamos empezando a ver que hay venganza judicial y esto va a servir para que los maltratadores no maltraten y asesinen a las mujeres porque saben que van a tener que cumplir una pena de cadena perpetua revisable". María Jiménez mostrouse satisfeita co apoio que estaba a recibir por parte dos cidadáns que se achegaban a asinar.
O príncipe xitano e presidente da Asociación Pobo Xitano, Sinaí Giménez, tamén indicou que se poñerán en contacto con asociacións contra a violencia de xénero, colectivos de mulleres e asociacións de amas de casa para continuar con esta campaña e afirmou que non resultaría complicado lograr as 500.000 firmas para propoñer unha iniciativa parlamentaria.
Ata a Audiencia achegáronse numerosos membros da comunidade xitana ao igual que paseantes, que mesmo aproveitaron para sacarse fotografías con Juan José Cortés, á vez que mostraban o seu apoio na mesa de recollida de firmas na que figuraban carteis reivindicativos nos que se lía 'Todos somos Lupe Jiménez'.