O Pacto de Pedre reclamará, a instancias de Pontevedra, unha autovía ata O Carballiño con conexión con Lalín

Pontevedra
02 de outubro 2023

Pontevedra pediu incluír no documento un engadido para que, ademais das posibles melloras na N-541, a Xunta e o Goberno central estuden a construción dun vial alternativo. Así, Lores defendeu a necesidade de construír unha nova autovía entre Pontevedra e O Carballiño, cunha conexión directa con Lalín

Xuntanza dos impulsores do Pacto de Pedre co alcalde de Pontevedra
Xuntanza dos impulsores do Pacto de Pedre co alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

Os impulsores do Pacto de Pedre, os sete municipios das provincias de Pontevedra e Ourense polas que atravesa a N-541, estiveron este luns en Pontevedra solicitando novos apoios para as súas reivindicacións. O Concello da capital adherirase formalmente a este pacto.

Será a través dun acordo plenario que se aprobará na sesión prevista para este mes de outubro, segundo avanzou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao coincidir plenamente coa formulación inicial destes municipios.

O Goberno debe mellorar "todo o posible" a estrada N-541, que vai de Pontevedra ao Carballiño, a única vía que existe para unir ambas as localidades e vertebrar o interior da provincia e que actualmente é unha vía "cargada de tráfico e de carácter industrial", algo que "vai a ir a máis" pola construción de novos polígonos empresariais ao longo do seu trazado.

Pero ademais destas melloras en materia de seguridade viaria, Pontevedra quere ir un paso máis aló. Pediu incluír no documento que levará a pleno un engadido para que, ademais destas posibles melloras na N-541, a Xunta e o Goberno central estuden a construción dun vial alternativo.

Así, Lores defendeu a necesidade de construír unha nova autovía entre Pontevedra e O Carballiño, que conte cunha conexión directa con Lalín "alá onde se considere convinte".

O tramo entre Pontevedra e O Carballiño debería ser asumido polo Estado, indicou o alcalde pontevedrés, mentres que a conexión de Lalín con esa hipotética autovía sería competencia da Xunta de Galicia.

"Se non vertebramos todo este territorio, a desertización será exponencial", subliñou Fernández Lores, que denunciou que "estamos quedando atrás nesa vertebraciónn con respecto a outras zonas de Galicia".

Á reunión co alcalde de Pontevedra acudiron os seus homólogos de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela; Boborás, Patricia Torres; Beariz, Manuel Prado; Maside, José Manuel Iglesias; e Punxín, Manuel Vázquez Fernández; e o concelleiro do Irixo Juan Manuel Villanueva.

O alcalde de Carballiño, desculpou a súa ausencia, pero figura entre os membros do Pacto de Pedre e comparte todas estas reivindicacións.

En nome de todos eles tomou a palabra Jorge Cubela, que considera "moi importante" que Pontevedra se sume ás peticións desta plataforma, cuxo único fin é "crear unha fronte institucional que xere debate para a necesaria reforma da N-541".

O rexedor de Cerdedo-Cotobade sinalou que "recollemos o guante" de solicitar formalmente esta autovía entre Pontevedra e O Carballiño, para a que habería que estudar un trazado "correcto" para avanzar na vertebración de todo este territorio.

Lembrou que a N-541, ademais de comunicar estes municipios, é conexión das Rías Baixas con Ourense e a meseta, así como paso cara a Lalín ou a provincia de Lugo, polo que "temos que sumar sinerxias" e seguir defendendo estas reivindicacións.

APOIO DA DEPUTACIÓN 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, tamén recibiu este luns no Pazo Provincial aos alcaldes integrantes do chamado Pacto de Pedre, aos que expresou o apoio da administración provincial na súa demanda dunha mellora integral da estrada N-541.

"A mensaxe e o sentir común de toda a cidadanía e dos condutores é claro: non queremos unha estrada tantas veces motivo de loito", explicou o presidente provincial sumándose así á iniciativa promovida tras o "fatídico" accidente de autobús ocorrido a pasada noiteboa no que morreron sete persoas ao precipitarse ao río Lérez desde unha ponte que a N-541 ten en Pedre, en Cerdedo-Cotobade.

O presidente da Deputación de Pontevedra destacou que o encontro mantido hoxe está "pensado para unir forzas e facer chegar a nosa mensaxe moito máis lonxe".

"O pacto de Pedre é unha unión por enriba de cores políticas", incidiu Luís López remarcando que o único obxectivo desta iniciativa é "terminar coa inseguridade nunha estrada que leva demasiados anos xerando dor e rompendo familias".

Ademais, fixo fincapé en que "neste pacto absolutamente todos temos cabida" poñendo en valor os apoios solicitados por outros municipios que "non están afectados directamente".

"A estrada 541 non pode seguir sendo un cemiterio. Xa basta de ver cruces e ramos de flores ao longo dos centos de quilómetros de estrada que cruza as nosas provincias" repetiu Luís López facendo súa esta declaración formulada a pasada semana polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela. 

Luís López recalcou a necesidade dunha actuación "urxente" nesta infraestrutura estratéxica de titularidade estatal que vertebra gran parte do territorio dando servizo a unha poboación de máis de 218.000 habitantes, que conecta as Rías Baixas co interior de Galicia e coa Meseta, e que ademais vén soportando un gran volume de tráfico.

Por estes motivos, o presidente provincial manifestou que "unimos as nosas voces e a nosa dor" para reclamar "dunha vez por todas" ao Goberno que achegue os recursos necesarios para unha actuación de mellora integral desta estrada "que reduza a sinistralidade". 

Demandan un investimento que renove a capa de rodadura nos máis de cen quilómetros desta nacional "que presenta un pavimento gretado e carente de adherencia" e reclaman tamén "mellorar e aumentar" a sinalización e "que se melloren os problemas de visibilidade".

Por último, Luís López comprometeuse a que "ata conseguir estas demandas xustas imos seguir buscando apoios a este Pacto de Pedre" e así llo solicitarán aos grupos políticos do Parlamento de Galicia que insten o Executivo central a que acometa esa reforma.

A SUBDELEGACIÓN DEFENDE A ACTUACIÓN DO GOBERNO

Tras estes novos movementos do Pacto de Pedre, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra quixo lembrar o compromiso do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana coa reparación e mellora da estrada N-541, recordando as actuacións que están en marcha.

Así, apuntan que se están executando actualmente obras para a reparación do sistema de contención de vehículos do viaduto de Pedre sobre o río Lérez, no punto quilométrico 66+900, en Cerdedo-Cotobade, no que se invisten 1,10 millóns de euros.

Ademais, o Goberno defende o investimento de 4 millóns de euros que se está tramitando para a mellora do firme da estrada entre os puntos quilométricos 51 e 68.