O orzamento de Pontevedra sobe a 119 millóns tras aprobarse unha nova modificación de crédito

Pontevedra
23 de outubro 2023

Unha segunda modificación de crédito eleva o orzamento actual de Pontevedra ata os 119 millóns de euros. Así se aprobou este luns no pleno da corporación municipal onde, tal e como estaba previsto, os socialistas apoiaron a proposta do goberno. O PP votou en contra

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

Unha segunda modificación de crédito eleva o orzamento actual de Pontevedra ata os 119 millóns de euros. Así se aprobou este luns no pleno da corporación municipal onde, tal e como estaba previsto, os socialistas apoiaron a proposta do goberno.

As contas municipais incorporarán 4.144.931,40 euros, todos eles procedentes de remanentes de tesourería, para abordar actuacións "urxentes e inaprazables", segundo explicou o edil de Facenda, Raimundo González, durante a súa intervención.

A actuación "máis salientable e urxente", sinalou González, é o proxecto para ampliar as acometidas eléctricas para o novo Montecelo, que terá un custo de 1,16 millóns de euros, que "só isto xustifica esta actuación dada a súa urxencia para que funcione o hospital". 

Ademais, a modificación inclúe 1 millón de euros para o novo parque da Parda, 800.000 euros para a renovación de bancos e papeleiras en todo o municipio, 558.000 euros para a expropiación de parcelas ou 400.000 euros para a reforma do parque infantil de Luis Otero.

Outros 152.000 euros serán para a apertura dos xardíns da UNED en Monte Porreiro e 75.000 euros para a subvención ao Pontevedra CF pola renovación do céspede de Pasarón.

Desde o PSOE, o seu portavoz Iván Puentes xustificou o seu voto a favor porque "estamos para construír e para aprobar cuestións razoables e que serven para os veciños", algo que xorde despois de "non dar cheques en branco" senón de "sentar a falar e chegar a acordos".

Son propostas, dixo Puentes, que xorden dun "consenso de dúas sensibilidades diferentes" para investir 4 millóns de euros en proxectos que "suporán unha mellora da calidade de vida dos pontevedreses".

Os socialistas, segundo o seu máximo responsable, "poñemos os intereses dos pontevedreses por riba dos intereses políticos ou dos cabreos persoais" e censurou que o PP busque "desgastar" a Lores "a base de dar labazadas aos veciños", algo que o PSOE non comparte.

O PP, que votou en contra desta modificación, sostivo que o fai debido aos informes emitidos pola intervención municipal que, segundo Rafa Domínguez, alerta dos "efectos muy negativos" para o exercicio económico de 2024.

Ademais, criticou que se incorporaron cuestións "que no son urgentes", alegando que só votarían a favor polas obras de Montecelo ou pola subvención do Pontevedra CF xa que "el resto de cosas" non teñen, segundo o portavoz popular, urxencia algunha.

Domínguez criticou duramente aos socialistas, aos que asegura ver "absolutamente perdidos" e que van "de humillación en humillación" e, a pesar diso, votan a favor desta proposta do goberno municipal e "siguen arrastrándose".

"Han traicionado a los feriantes y a los pontevedreses que quieren ver reabierta Reina Victoria", sinalou o edil do PP, que acusou aos cinco edís do PSOE de "están permitiendo que Lores haga lo que les de la gana", polo que considerou que son os seus "cómplices".

Raimundo González, que agradeceu o apoio dos socialistas porque "podemos ter diferencias pero cando se trata dos intereses de Pontevedra hai acordos", lamentou que os populares actúen como "destroyers" cunha politica "no que todo vale para votar en contra".

"Fan única e exclusivamente un obstrucionismo para que as cousas non funcionen e se paralice todo", sentenciou o responsable municipal de Facenda.

ORDENANZA DO TAXI E APOIO AO PACTO DE PEDRE

Este pleno ordinario do mes de outubro tamén aprobou definitivamente a modificación da ordenanza reguladora do servizo de taxis, un instrumento polo que "se pon a andar", segundo César Mosquera, o transporte a demanda en base, o coñecido como 'coche de punto'.

O edil do BNG engadiu que "é un intento por resolver problema en base a criterios de sustentabilidade porque é imposible que en zonas dispersas haxa transporte colectivo porque non sería ecolóxico ter un autobús dando voltas para recoller unha ou dúas persoas". 

Ademais, a corporación expresou o seu apoio ao coñecido como Pacto de Pedre, a fronte común dos municipios polos que atravesa a N-541 para esixir unha reforma integral desta estrada para corrixir os problemas de seguridade viaria que presenta.

Dentro destas reivindicacións, a pedimento de Pontevedra, ínstase o Goberno central e á Xunta de Galicia para que colaboren nun estudo que analice a posibilidade de conectar Pontevedra e O Carballiño cunha nova autovía que, ademais, teña conexión con Lalín.

Noutra orde de cousas, o pleno aprobou por unanimidade a moción presentada polo PP para impulsar un plan integral de mantemento e coidado dos parques infantís do municipio para que os nenos e nenas conten con "espacios dignos" nos que se garanta a súa seguridade.

Pepa Pardo subliñou que "no sirve de nada" facer parques novos con todas as modernidades "si no hacemos lo básico y esencial" que é o seu mantemento. Ademais, pediu implantar medidas para que teñan unha total accesibilidade cognitiva, motora e sensitiva.

O edil de Parques e Xardíns, Xaquín Moreda, explicou que este plan xa se puxo en marcha hai dous meses para supervisar o estado dos parques do municipio para poder priorizar as actuacións de mantemento que teñan que abordar.

A finalidade deste plan é que os usuarios destes parques "teñan espazos seguros e adecuados" que estean en boas condicións de seguridade e hixiene, mantendo ademais sobre estes parques un "control exhaustivo" sobre o seu estado e a súa vida útil.

A mesma unanimidade tivo a iniciativa do PSOE, defendida por Paloma Castro, para crear no marco do Gran Montecelo unha unidade especializada de atención a pacientes con alzheimer e outras demencias que lles ofreza unha "cobertura esencial" e se mellore a súa calidade de vida.

Os recursos existentes actualmente, segundo Castro, están "moi lonxe" de cubrir as demandas actuais, ante o incremento destas patoloxías, polo que subliñou que "non podemos consentir esta carencia de recursos públicos" nesta materia.

A idea é que os pacientes reciban un "bo asesoramento", con neurólogos, psiquiatras e expertos en traballo social, todos eles vinculados ao hospital pontevedrés, de forma que non teñan que esperar ano e medio en casa "porque ese tempo non se recupera".