O ORAL planifica o pago fraccionado dos tributos

Pontevedra
10 de abril 2020

A Deputación de Pontevedra está a avaliar esta flexibilización para que a veciñanza e as pemes poidan aprazar os abonos sen xuros segundo as súas necesidades

Oficinas do ORAL
Oficinas do ORAL / PontevedraViva

Co obxectivo de seguir a axudar á veciñanza e ás pequenas e medianas empresas da provincia ante as consecuencias económicas da crise xerada polo COVID19, a Deputación de Pontevedra planifica un novo servizo ao través do ORAL para facilitar o fraccionamento, sen xuros, do pago dos tributos.

A medida está a ser avaliada técnica e xuridicamente para poder beneficiar ás persoas e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pago e recadación tributaria.

Trátase, en definitiva, dun plan específico de pagos personalizados que posibilitaría o abono fraccionado en varios meses das cotas do IBI, o IAE, e o IVTM, unha vez se domicilien os abonos. A medida xa está a ser informada cos servizos xurídicos e económicos da Deputación, para despois ser levada á aprobación do próximo pleno provincial.

Amais, ao través do ORAL, a institución provincial tamén prestará o seu asesoramento e colaboración aos concellos, na tramitación dos expedientes necesarios para a modificación das  súas ordenanzas fiscais en relación coas medidas que, na súa potestade tributaria, decidan adoptar.