O ORAL incrementou a súa recadación un 4% o ano pasado ata chegar aos 135,9 millóns de euros

Pontevedra
14 de xuño 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes a Memoria do ano 2021 del Organismo de Xestión Tributaria e Catastral, coñecido coma ORAL, que incrementou a súa recadación un 4% o ano pasado ata chegar aos 135,9 millóns de euros, un incremento de 8,9 millóns de euros con respecto ao 2020

Presentación da Memoria do ORAL 2021
Presentación da Memoria do ORAL 2021 / Diana Eiras

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este martes a Memoria do ano 2021 del Organismo de Xestión Tributaria e Catastral, coñecido coma ORAL, que incrementou a súa recadación un 4% o ano pasado ata chegar aos 135,9 millóns de euros, un incremento de 8,9 millóns de euros con respecto ao 2020.

A directora do ORAL, Inmaculada Viña, explicou que son xa 63 as entidades locais da provincia que teñen delegada a xestión tributaria neste organismo, o 88% dos concellos da provincia e o 94% dos de menos de 20.000 habitantes.

Carmela Silva destacou que o ORAL é "un elemento imprescindible da xestión tributaria na provincia" e que "os datos amosan o traballo ben feito" que nos últimos anos "ten mellorado en canto a recadación, atención á cidadanía, transformación dixital pero sobre todo no que respecta á alianza total, absoluta e de respecto aos concellos, que agora si coñecen a información real de xestión dos seus tributos". 

A Memoria do ORAL recolle a loita contra a fraude fiscal no eido local, coa xestión de 1.411 expedientes en materia de inspección tributaria que permitiron regularizar 355 inmobles derivados da inspección catastral no 2021. Tamén detalla que máis do 89% da xestión tributaria se leva a cabo a través do sistema de Padróns, xestionando 116,9 millóns de euros e recadando 107,4 millóns de euros que supoñen o 92,07% da xestión realizada, mellorando mesmo os datos do pasado ano cando a porcentaxe se situaba no 89,44%. 

En canto aos impostos máis coñecidos, no caso do Imposto sobre bens inmobles (IBI) o ORAL recada máis dun 90% na metade dos concellos dos que ten a xestión, igual que no caso do Imposto sobre Actividades Económicas (IAE) nas tres cuartas partes dos concellos. Incrementáronse tamén as porcentaxes de recadación voluntaria con respecto a 2020 do IAE no 4%, do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO) no 1,5% e en taxas máis dun 4%.

A asistencia á cidadanía ten mellorado tamén, con 351.685 atencións directas que supoñen 76.277 máis que as realizadas no 2020 cunha diminución considerablemente nos tempos de espera "coa mirada posta na atención en tempo real da xente, cando realmente o necesita", destacou a presidenta. A atención integral non presencial aumentou nun 79% e as telefónicas nun 26%, así como medraron nun 16% as facilidades nos pagamentos electrónicos e realizáronse máis de 598.000 transaccións a través da Oficina Virtual Tributaria.

Carmela Silva lembrou que a publicación da Memoria do ORAL leva realizándose dende fai catro anos e tamén incidiu na importancia desta rendición de contas, Inmaculada Viña, quen subliñou o seu carácter "fundamental" como "ferramenta de transparencia" e "instrumento de mellora en liña cos obxectivos estratéxicos marcados pola institución provincial e centrados no impulso e bo goberno propios dunha administración comprometida cos obxectivos da Axenda local 2030".