O home de 59 anos que resultou ferido no incendio rexistrado onte domingo dunha das naves anexas á antiga fábrica de cerámica Pontesa segue ingresado na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
O seu estado é "moi grave", segundo fontes hospitalarias. Ten queimaduras de terceiro grao no 85% do seu corpo, que están a ser tratadas polos especialistas do hospital coruñés.
A vítima é Benito González Dopazo, traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSdeG-PSOE en Marín, revelou o deputado socialista Gonzalo Caballero, que desexou ao seu compañeiro unha pronta recuperación cunha mensaxe a través das súas redes sociais.
Terrible incendio na nave de Pontesa en Pontesampaio. Desexo unha boa recuperación aos tres feridos, e especialmente quero enviar todo o ánimo e agarimo ao noso compañeiro Benito, concelleiro en Marín, que se atopa nunha situación de maior gravidade. Forte aperta pic.twitter.com/yq1VH1pMn7
— Gonzalo Caballero (@G_Caballero_M) November 7, 2022
González Dopazo, técnico superior en pesca marítima, é natural de Santomé de Piñeiro. Foi presidente da comunidade de montes de Santomé, así como fundador e delegado do equipo de fútbol veterano da parroquia.
Ademais, é un home que sempre estivo moi vinculado co sector educativo, xa que presidiu a ANPA do IES Chan do Monte de Marín durante dez anos e foi directivo de FANPA Pontevedra e de CONFAPA, a federación galega de asociacións de nais e pais.
No incendio resultaron feridas outras dúas persoas, ambos de carácter leve. Foi un segundo operario do Grupo Nogar, de 44 anos; e un bombeiro que participaba nos labores de extinción. Foron atendidos no lugar polo persoal sanitario do 061.