O observatorio de Cotobade mantén as xornadas de portas abertas o primeiro sábado de cada mes

Cerdedo-Cotobade
29 de xuño 2014

Con motivo da inauguración do arranxo do camiño de acceso ao observatorio estaba previsto que este sábado 28 se realizase unha observación pública das estrelas pero a presenza de nubes impediu que se puidera desenvolver a sesión

Observatorio astronómico de Cotobade
Observatorio astronómico de Cotobade / Diego Torrado

O ceo cuberto de nubes impediu que as máis de trinta persoas que se achegaron na noite deste sábado 28 ata o observatorio astronómico de Cotobade puidesen ver as estrelas. Esta sesión pública de observación realizábase con motivo da inauguración do arranxo do camiño de acceso a estas instalacións. O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, non faltou á cita na que estaba prevista a montaxe de varios telescopios de distintos tipos para comparar as diversas prestacións que ofrece cada un.

En todo caso o presidente da Asociación Astronómica Sirio, Ángel Valverde, afirmou que se van seguir mantendo as xornadas de portas abertas durante todos os primeiros sábados de cada mes para que os afeccionados á astronomía ou os interesados en internarse nesta actividade se acheguen polo observatorio. O horario de verán para realizar estas visitas establécese ás 22.30 horas.

Dende a asociación recomendan que se solicite cita previa por correo electrónico a través de [email protected] ou a través do teléfono 679.802.452 para evitar longas colas de espera para poder subir á cúpula.

Para as visitas recoméndase roupa de abrigo, xa que o observatorio se encontra nunha zona elevada na que se rexistran baixas temperaturas, mesmo durante o verán, no lugar de "A Poza" no Monte Coirego. As coordenadas GPS para chegar ata a zona son: N 42º 29.527' - W 8º 27.621.