A directora da axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, sinalou que o número de turistas que visitaron Terras de Pontevedra creceu un 14% o pasado ano, en sintonía cos "datos históricos" alcanzados neste mesmo período pola comunidade galega.
Nava Castro felicitou aos concellos que compoñen esta mancomunidade por estes "bos datos", aos que sumou os máis de 230.000 turistas, con 495.000 pernoitas, o que supoñen un 9,2% máis de noites, elevando a ocupación neste xeodestino en máis de cinco puntos.
A directora de Turismo de Galicia asinou este xoves un acordo cos nove concellos da Mancomunidade de Terras de Pontevedra que supera os 200.000 euros de investimento para especializar e mellorar a súa oferta, coa incorporación de novas tecnoloxías e máis promoción, asó como a consolidación da oferta vinculada ao turismo accesible.
Os concellos da Lama, Barro, Pontevedra, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Vilaboa, Cercedo-Cotobade e Campo Lameiro foran esta mancomunidade.
Nava Castro e o presidente desta mancomunidade, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientaron a aposta de Terras de Pontevedra polos seus recursos propios como aspecto diferenciador. Elementos característicos como a arte rupestre, xunto a outros como a paisaxe ou a gastronomía, son protagonistas deste xeodestino e así se plasma no convenio con accións de revalorización.