O número de doazóns de sangue en Pontevedra creceu durante o ano da pandemia

Pontevedra
28 de abril 2021

A Boa Vila rexistrou durante o 2020 un total de 4.454 doazóns e presenta unha taxa de doazón de 53 achegas por cada 1.000 habitantes. Durante o 2019 recolléronse 3.911 bolsas.

Autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue-ADOS
Autobús da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue-ADOS / Mónica Patxot

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) de Galicia recolleu durante o 2020 preto de 50.000 doazóns de sangue nas sete cidades galegas, cuxa achega representa o 37% do total da poboación galega. 

A taxa de participación media destas sete cidades foi de 50 doazóns por cada 1.000 habitantes, un índice que supera en 11 puntos a media galega e que aglutinan o 47% do total de Galicia.

A cidade con maior taxa de doazón de Galicia foi Santiago de Compostela, con 94/1.000, aínda que en cifras absolutas, o concello de Ourense é o de maior participación con 13.497 doazóns de sangue ao longo do 2020.

Pola súa banda, Pontevedra rexistrou 4.454 e presenta unha taxa de doazón de 53 doazóns por cada 1.000 habitantes. Unhas cifras que sitúan á cidade como a terceira con mellor taxa, aínda que en termos absolutos só está por encima de Ferrol e Lugo. Durante o 2019 recolléranse 3.911 aportacións.

A existencia de locais permanentes de atención ao doante nas sete cidades facilita un maior acceso a este solidario xesto. Ademais tamén teñen a posibilidade de doar nas unidades móbiles de ADOS.

Durante o 2020 e debido á situación de emerxencia sanitaria derivada da pandemia da covid-19, o sistema de cita previa facilitou o acceso á cidadanía á doazón que, en gran parte, decantouse por doar nos locais de ADOS dos principais hospitais de Galicia, que recolleron o 21,3 % do total das doazóns.

En Galicia son necesarias entre 400 e 500 doazóns diarias para garantir unha adecuada cobertura hemoterápica nos hospitais. O local permanente de doazón en Pontevedra atópase no Hospital Provincial, ao que se pode acudir de luns a venres de 8 a 15 horas ou tamén os martes, mércores e xoves entre as 15 e as 22 horas.