A situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés vai mellorando día tras día, cunha redución sostida de casos que empeza a levar aos distintos municipios a cifras de incidencia equiparables ás dos primeiros días de xaneiro, antes do pico da terceira onda.
En todo caso, aínda quedan varias localidades cunha incidencia acumulada a 14 días superior a 500 casos por cada 100.000 habitantes.
En concreto, o foco segue posto en Poio, Ponte Caldelas, Soutomaior, Meis, Meaño e Catoira, cunha incidencia entre 500 e 750. A práctica totalidade da área sanitaria atópase nun rango de 250 a 500 e destaca polas súas boas cifras Campo Lameiro, a de menor incidencia, inferior a 150.
No caso de Poio, este xoves ten unha IA a 14 días de 609 e un total de 134 casos activos. Supoñen oito enfermos menos que un día antes.
En Pontevedra a incidencia acumulada a 14 días é de 312 por cada 100.000 habitantes e este xoves volveu a rexistrarse unha redución de casos. Hai 12 menos e sitúase nun total de 310.
Marín, un dos municipios que máis se resistía á redución de casos, si reporta nas últimas 24 horas unha baixada de catro casos e ten un total de 133.
Esa redución do número de casos tamén se constata en Sanxenxo, con dous menos este xoves que situán o total de pacientes coa infección en 90; e Cuntis, con 23 casos, dous menos nun día.
Con todo, aínda hai municipios nos que o impacto da enfermidade aumenta. Trátase de Soutomaior, que este xoves ten 72 casos, tres máis; Bueu, con 31 casos, un máis que o día anterior; Caldas de Reis, con un caso máis e un total de 32 activos; ou Vilanova de Arousa, con 42 infectados, tamén un máis.
Barro conta con 18 casos, dos menos que na xornada do mércores; ao igual que A Lama que se sitúa en 11 activos, tamén con dous menos. Portas pola súa parte permanece con 7 casos activos; e o mesmo pasa en Ponte Caldelas que mantén en 40 os positivos.
Pola súa parte Vilagarcía de Arousa acumula 122 casos, polo que se mantén sen variación con respecto á xornada anterior; ao igual que Ribadumia que segue con 12 casos positivos; Meaño, que repite os seus 33 positivos por covid-19; ou Moraña, con 18 casos activos.
En cambio, segue á baixa na Illa de Arousa con 12 positivos, dous menos que na xornada do mércores; Cambados con 58 casos, dous menos que o día anterior; e Meis con 31 positivos, seis menos que hai 24 horas.
A incidencia acumulada a 14 días de cada municipio, a partir dos datos proporcinados polo Servizo Galego de Saúde, pode consultarse no mapa que acompaña a esta información.