Medio Ambiente destinará 182.603 euros para acometer a mellora da praza do Concello no núcleo de Cerdedo. Así o confirmou o goberno galego despois de que o Consello da Xunta autorizara a sinatura do convenio co Concello de Cerdedo-Cotobade.
Trátase dunha actuación recollida no marco do Plan hUrbe, que ten entre as súas finalidades mellorar e promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais, polo que a actuación autorizada é acorde con este obxectivo.
Neste caso concreto, a praza constitúe un espazo aberto de encontro e convivencia co que conta a poboación do núcleo de Cerdedo. No ámbito praza existe tamén un parque infantil.
Esta circunstancias fan necesaria esta actuación, segundo a Xunta, para dar seguridade aos seus usuarios.
Coas obras que se levarán a cabo preténdese a reestruturación integral da praza, respectando os elementos existentes e aumentando as áreas peonís, acoutando as zonas de circulación e aparcamento de vehículos.
Así, executarase unha renovación e ampliación de pavimentos, renovación da rede de abastecemento de auga para as vivendas, dotación de rede de iluminación pública e mobiliario urbano.
Ademais, fomentarase a conservación e recuperación de espazos públicos, coa finalidade da súa posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo; tamén se promoven todas aquelas actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria e peonil, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, coa fin de mellorar o benestar dos veciños.