Tras a toma de posesión, o pasado venres, de Manuel Reigosa como novo reitor da Universidade de Vigo e o posterior nomeamento dos novos vicerreitores, o novo responsable da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, Jorge Soto, foi recibido este luns polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con quen mantivo unha xuntanza que serviu ás dúas institucións para reafirmar a súa vontade de colaboración en múltiples eidos.
"As relacións co Concello son magníficas e seguirán sendo magníficas", salientou Soto na rolda de prensa celebrada tras esta xuntanza.
Xunto ao alcalde as concelleiras de Educación, Carmen Fouces, e Promoción Económica, Anabel Gulías, participaron na recepción ao vicerreitor que tamén veu acompañado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa.
"Queremos incrementar o traballo, os proxectos e as relacións nas diferentes liñas que ten o Concello en materia de promoción da cidade, cultural, educativa, social ou deportiva", dixo Soto.
Pola súa banda o alcalde engadiu que "o que nos interesa a ambos é manter a máxima colaboración e sacarlle a máxima rendibilidade as titulacións que hai no campus" poñendo o acento en ámbitos como a creatividade, o deseño, a moda, o deporte ou o lecer.
Nesta nova estapa "absolutamente ilusionante e chea de retos", Jorge Soto aludiu á vontade do novo equipo de "seguir traballando no Campus Crea e seguir incrementando a relación da Casa das Campás coa cidade no aspecto cultural", así como "darlle un pulo importante ao ámbito educativo, deportivo e de integración".
Por outra banda, o vicerreitor aludiu tamén a importancia da colaboración que se vén mantendo coa concellería de Promoción Económica, para favorecer o emprendemento e a empregabilidade do alumnado.
Finalmente o vicerreitor e alcalde coincidiron tamén á hora de sinalar a importancia da contorna natural do campus da Xunqueira, "o campus máis bonito de España", que sumado aos espazos contiguos como a Illa das Esculturas, fan desta zona "o Central Park de Pontevedra", como salientou Fernández Lores.
Trátase, sinalou, dunha zona "de altísima calidade medioambiental" a que cómpre "darlle máis visibilidade e máis utilización", aspecto no que tamén incidiu Jorge Soto, quen salientou que se trata "dun auténtico luxo, á que hai que sacarlle o máximo rendemento para a cidadanía, e a Universidade de Vigo é parte desa cidadanía".