O novo Plan Concellos da Deputación é "a maior inxección de recursos da historia"

Pontevedra
18 de decembro 2017

Este plan pon a disposición dos concellos 72 millóns de euros, dos que 42 corresponden ao próximo 2018 e o resto, 30 millóns, forman parte da liña 1 destinada a investimentos no 2019

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do vicepresidente César Mosquera, presentou este luns unha nova edición do Plan Concellos que, como novidade, ten un carácter bianual 2018-2019 para facilitar a planificación daqueles concellos que queiran recuperar os danos causados polos incendios nas infraestruturas, equipamentos e outros bens municipais.

Este plan pon a disposición dos concellos 72 millóns de euros, dos que 42 corresponden ao próximo 2018 e o resto, 30 millóns, forman parte da liña 1 destinada a investimentos no 2019. A estes recursos hai que engadir un millón de euros dos anticipos sen intereses e 8 millóns do plan de reequilibrio que xa foi aprobado. "Máis equidade, máis dereitos e máis recursos", resumiu Carmela Silva.

A presidenta provincial destacou que só contabilizando a repartición do plan do 2018 a media de incremento é do 2% con respecto ao Plan Concellos deste ano.

Está dirixido aos 59 concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes, é dicir, todos menos Pontevedra e Vigo que teñen convenios propios financiados cos remanentes do presuposto. "Dos recursos que reparten aos concellos, Pontevedra e Vigo non chegan ao 10% do total cando supoñen o 40% da poboación" algo que Mosquera considera "lóxico" tendo en conta que a Administración provincial "está para os pequenos concellos".

O grupo 1, ao que pertencen os concellos de ata 10.000 habitantes, leva o 44% do plan o que supón algo máis de 36,6 millóns de euros. Ao grupo 2, concellos entre 10.001 e 20.000 habitantes, correspóndenlle 24,4 millóns e supoñen o 34% do plan. Finalmente, ao grupo 3, entre 20.001 e 50.000 habitantes, reciben o 22% do plan que son 15,8 millóns de euros. Os criterios de repartición son poboación, superficie, núcleos de poboación e densidade. 

Apelando á súa traxectoria como membro da corporación provincial desde o ano 1991, César Mosquera defendeu que "nunca houbo nin a metade dos recursos que está a poñer a Deputación para os concellos e só de fondos propios". Cifrando en 110 millóns a suma de todos as partidas económicas de todos os plans destinados no 2018 para os concellos.

Por este motivo Carmela Silva e César Mosquera coincidiron en sinalar a súa "satisfacción" por cumprir con este obxectivo previsto no pacto de goberno "sen triquiñuelas nin mecanismos fradulentos", apuntou o vicepresidente. "Creo que non se poden queixar", engadiu "os concellos teñen a maior inxección de recursos da historia".

Carmela Silva tamén se referiu á eliminación da "libre disposición" e asegurou que os 59 concellos "están encantados con este plan" aínda que "algúns son libres para dicir o que opinan e outros son un pouco menos libres porque teñen presións partidarias".

"Isto é unha revolución", valorou a presidenta en referencia a que os concellos teñan "recursos incondicionados" para acometer os seus proxectos.

Finalmente Mosquera apuntou que "nos gustaría" que esta "enorme cantidade de recursos" fosen destinadas polos concellos "para preparar o territorio e as infraestruturas de fronte ao cambio climático", para evitar incendios, servizos de auga, eficiencia enerxética, entre outras ideas.