O novo parque de maquinaria da Deputación ocupará case 9.000 metros cadrados

Barro
31 de xaneiro 2022

Nun prazo de oito meses. Esa é a data na que a Deputación agarda ter rematada a construción do seu novo parque de maquinaria, que abandona a Xunqueira de Alba para instalarse no polígono industrial de Barro e dar paso á recuperación ambiental da súa localización actual

Inicio das obras do novo parque de maquinaria en Barro
Inicio das obras do novo parque de maquinaria en Barro / Deputación de Pontevedra

Nun prazo de oito meses. Esa é a data na que a Deputación agarda ter rematada a construción do seu novo parque de maquinaria, que abandona a Xunqueira de Alba para instalarse no polígono industrial de Barro. Alí ocupará dúas parcelas de 8.763 metros cadrados en total.

A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo este luns a primeira pedra deste novo equipamento, a carón das escavadoras, acompañada do vicepresidente, César Mosquera, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, e responsables da compañía Tragsa.

O novo parque de maquinaria, valorado en 2,3 millóns de euros, serán unhas instalacións "modernas, funcionais e adaptadas á normativa laboral", segundo destacaron os responsables do goberno provincial.

Terá 3.000 metros cadrados construídos distribuídos en dous grandes volumes.

O edificio principal, cuns 1.500 metros cadrados e 6 metros de altura, ten na nave-taller, que ocupa 800 metros, a peza central. Outros 130 metros son para almacéns das brigadas.

O espazo administrativo, onde se sitúan despachos e oficinas e que ofrecerá a fachada principal, terá outros 600 metros repartidos en dous andares.

Finalmente, nunha esquina da parcela situarase a nave do almacén principal da Deputación, con 450 metros cadrados construídos.

Ademais, ao longo de todo o perímetro da parcela disporanse as marquesiñas para maquinaria e vehículos, ocupando 1.000 metros cadrados.

Todo elo, "esponxado" con zonas verdes e un acceso peonil dende a entrada.

Carmela Silva destacou que será un espazo "moi digno" e que terá una situación "idónea e ben comunicada" que permitirá ademais recuperar "o que nunca debeu ser maltratado" como é a Xunqueira de Alba, que será obxecto dunha actuación para a súa recuperación natural.

Tanto a presidenta como César Mosquera fixeron un chamamento para a Xunta siga este exemplo e tamén retire da xunqueira pontevedresa as súas instalacións.

"Que toda unha Consellería de Medio Ambiente diga que non ten previsto, que non lle sae das narices, saír dun dominio público marítimo-terrestre que aínda é recuperable francamente é absolutamente impresentable", censurou o vicepresidente provincial.

Unha vez inaugurado o parque de maquinaria en Barro, a Deputación impulsará a segunda fase deste proxecto coa demolición das edificacións e instalacións do vello parque e da imprenta e a recuperación ambiental en todo este espazo, xerando un bosque con árbores autóctonas.

Esta segunda fase contará cun orzamento doutros 1.335.000 euros e un prazo de execución duns cinco meses, polo que a comezos de 2023 a cidade de Pontevedra gañará un novo pulmón verde duns 17.000 metros cadrados.

O calendario de obras prevé que unha vez retirados todos os entullos e descontaminado o terreo efectuarase un tratamento natural dando cumprimento á folla de ruta marcada polo plan xestión do ENIL da Xunqueira de Alba, onde hai xa máis dunha década previuse o progresivo desmantelamento das concesións públicas alí situadas.

O proxecto da Deputación opta pola plantación de carballos, sobreiras, freixos negros, abeleiras, mimbreiras, madroños, salgueiros, acivros e loureiros, entre outras especies.

Será polo tanto un novo bosque mixto de especies endémicas, xerando unha conectividade vertical e horizontal con vocación de acubillar á fauna.

A veciñanza contará tamén con máis espazo para o lecer, pois inclúese un novo sendeiro peonil, con mobiliario urbano e iluminación respectuosa coa contorna, enlazando os futuros itinerarios co existente no curso baixo do río Rons.