Unha clásica romaría en barcas cara o mosteiro de Lérez, a senda fluvial, o paso do tren pola ponte sobre o río e un picapeixe buscando almorzo conforman a paisaxe plasmada no novo mural que vén de estrearse no CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez.
Nun panorama no que tamén pode atoparse o que foi o castelo medieval de Cedofeita, nesta intervención artística, a décimo terceira realizada polo equipo creativo de Polo Correo do Vento no marco do programa da Concellería de Educación ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’, Kike Mauricio e Carlos Taboada quixeron facer tamén unha homenaxe ao veciño de Lérez José Silvent, Barriga Verde, pioneiro do espectáculo de monicreques en Galicia.
O tenente de alcalde, Tino Fernández, impulsor da iniciativa, amósase "encantado co resultado deste e doutros murais realizados ata a data, tanto desde o punto de vista estético, dotando as paredes dos centros escolares de creatividade e dun fío condutor artístico, como desde a perspectiva didáctica, ao resumir nuns trazos aqueles aspectos máis significativos da historia e a contorna natural e urbana dos colexios".
"As pinturas están a acadar sen dúbida o seu obxectivo de que os alumnos acaden unha maior identificación cos seus centros, coa súa memoria histórica e coa natureza", sinala o edil do PSOE.
Ata a data, os murais de ‘O teu cole na historia’ adornaron os muros dos CEIP de Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Santo André de Xeve e San Benito de Lérez, os CEP Campolongo e Marcos da Portela, a EEI de Verducido.
O proxecto, que culminará cunha campaña divulgativa para que o alumnado poida coñecer tamén a historia, personaxes, contorna e elementos patrimoniais e senlleiros dos outros colexios, ten previstas novas intervencións no CEIP San Martiño (Salcedo) e a EEI Fina Casalderrey.