Sanidade xa decidiu o futuro hospitalario de Pontevedra. Aínda que publicamente a Xunta seguía debaténdose entre Montecelo e Monte Carrasco, por fin recoñecen que apostarán firmemente por ampliar o actual hospital, descartando a construción dun novo centro. Así, xa entregaron ao Concello de Pontevedra o borrador do convenio que regulará unha ampliación que esperan ter completada no horizonte de 2020.
O propio conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, entregou este mércores ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, este documento.
En liñas xerais, o Sergas pretende declarar o proxecto como supramunicipal e asumirá as expropiacións necesarias, uns 90.000 metros cadrados -aínda que se reservará máis espazo para posibles ampliacións posteriores- que afectarán previsiblemente a cinco vivendas particulares.
Baixo este acordo, o Concello terá que asumir a execución das obras para dotar ao novo hospital de todos os servizos básicos e achegar catro millóns de euros para traballos complementarios de urbanización e accesos.
Con esta nova ampliación, Montecelo contará cun novo edificio a tres alturas, situado á beira do actual servizo de urxencias -en dirección a Príncipe Felipe- e conectado co resto do hospital.
Sanidade estima inicialmente unhas 700 camas para o novo complexo, aínda que a cifra definitiva estableceraa o plan funcional, un documento que analizará as necesidades técnicas e sanitarias do hospital.
Terá ademais un aparcadoiro ao aire libre cunhas 500 prazas e o novo edificio terá ademais un parking subterráneo.
A intención do goberno municipal, que ofreceu ao Sergas a súa máxima colaboración, é estudar o borrador durante estes próximos días e proceder á súa aprobación no pleno de xuño.
Este documento tamén foi entregado por Sanidade aos partidos da oposición, nunha reunión celebrada nas dependencias do Concello.