O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e os sete concelleiros que conformarán o vindeiro goberno local, mantiveron a primeira reunión de equipo para perfilar as áreas de traballo que asumirán a partir do vindeiro 17 de xuño.
Nas eleccións municipais do pasado domingo, a lista do PSOE liderada por Andrés Díaz aumentou un 10% os apoios con respecto aos comicios de 2019 e mantivo unha folgada maioría absoluta con oito dos 13 concelleiros dos que se compón o pleno.
Agora o equipo ponse mans á obra para afrontar catro anos do novo mandato en Ponte Caldelas, nos que se compromete a "seguir traballando de maneira igualitaria para todos os veciños, lonxe de siglas ou cores políticas, co claro obxectivo de seguir mellorando Ponte Caldelas".
"O apoio e a confianza que puxo en nós a veciñanza o pasado domingo é unha gran responsabilidade para as oito persoas que, dende xa, traballaremos para todos os veciños por igual para seguir mellorando Ponte Caldelas", explica Díaz.
A partir do 17 de xuño, xornada na que se celebrará o pleno de constitución da nova corporación, o equipo de goberno quedará conformado polo alcalde, Andrés Díaz Sobral, e os concelleiros Leticia Rocha, José Manuel Martinez, Aurora Garrido, Raquel López, José Manuel Garrido, Enrique Vidal e Isabel Pregal.