O novo emisario submarino terá máis de 3,5 quilómetros e estará afastado do polígono de bateas

Pontevedra
07 de abril 2017

As conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Mar, Rosa Quintana, participaron este venres nunha nova reunión cos patróns maiores das Confrarías da Ría de Pontevedra e representantes dos concellos de Marín e Poio, non participo o concello da capital ao coincidir en encontro coa celebración do Pleno

Reunión de seguemento do Plan de saneamento da ría de Pontevedra
Reunión de seguemento do Plan de saneamento da ría de Pontevedra / Mónica Patxot

As conselleiras de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e Mar, Rosa Quintana, participaron este venres nunha nova reunión cos patróns maiores das confrarías da Ría de Pontevedra e representantes dos concellos de Marín e Poio. Non participou o concello da capital ao coincidir en encontro coa celebración do pleno.

A conselleira de Medio Ambiente presentou o resultado dos estudos sobre o emprazamento do novo emisario submarino. Mato mostrou este estudo como "principal proba do compromiso que ten a Xunta por facer as cousas ben e con rigor".

O emisario proposto ten un lonxitude de máis de 3,5 quilómetros e "por suposto" vai ter o seu punto final "máis lonxe que o actual" por tanto, afastado dos polígonos de bateas.

"Podemos garantir que con ese emisario non haberá ningunha afección aos polígonos de bateas"

"Podemos garantir que con ese emisario non haberá ningunha afección aos polígonos de bateas", asegurou Beatriz Mato. "Era a parte que máis nos interesaba", engadiu.

Paralelamente a este deseño a conselleira explicou que está en tramitación o anteproxecto do emisario e apuntou que "será unha realidade no mes de xuño" polo que se poderán "avanzar na súa adxudicación". O seguinte paso sería a elaboración do estudo de impacto ambiental para despois redactar o proxecto.

Foi unha reunión "cun perfil técnico" na que a Xunta deu conta dos "avances" producidos no plan de saneamento adxudicado o pasado ano cun millón e medio de investimento. Das oito fases nas que está dividido este plan, "unha delas está rematada e catro están en funcionamento e terminarán en xuño, aproximadamente", anunciou Beatriz Mato.

Basicamente estes traballos están a avaliar o estado das redes de saneamento dos tres municipios. Levantáronse máis de 13.000 pozos, analizáronse máis de 300 quilómetros de rede, fíxose a batimetría, avaliáronse 70 aforamentos, entre outros datos cos que se elaborará un modelo dixital do comportamento das redes de canalización.

O orzamento comprometido polo goberno galego para este ano 2017 é de 13 millóns de euros en obras, algunhas das cales xa están comezadas e outras están pendentes dunha decisión municipal como é o caso da nova EDAR de Poio, cuxo emprazamento aínda non foi sinalado desde este concello.

EDAR DOS PRACERES

A ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) dos Praceres "non é algo prioritario" para esta mesa de seguimento do plan de saneamento da Ría de Pontevedra, segundo indicou a conselleira Beatriz Mato. "Aínda que isto non quere dicir que esteamos parados, nin moitísimo menos", engadiu.

A Xunta está a tramitar ante o Ministerio de Medio Ambiente a autorización pertinente para ter a titularidade da depuradora e poder facer a ampliación, cuxa dimensión definirán os estudos que están en marcha.

"Estamos a presionar ao ministerio para que ese trámite administrativo se faga o máis rápido posible", indicou a conselleira quen dixo ser consciente de que este tipo de procesos son "lentos".

En todo caso subliñou que "imos adiantados na planificación un mes e medio", resumiu finalmente Beatriz Mato.

Arquivado en