O novo emisario submarino da Ría de Pontevedra estará rematado este ano e empezará a funcionar coa depuradora en 2023

Pontevedra
11 de abril 2022

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta, Luis López, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, supervisaron este luns o avance das obras en Os Praceres

Avance das obras da mellora da depuradora dos Praceres e construción do emisario submarino
Avance das obras da mellora da depuradora dos Praceres e construción do emisario submarino / Mónica Patxot

O novo emisario submarino da Ría de Pontevedra estará rematado este ano 2022 e antes de fin de ano poderá entrar en explotación, e, segundo as previsións que manexa a Xunta de Galicia, "se todo segue como ata agora", no ano 2023 poderá ser unha realidade a "explotación conxunta" do emisario e a estación depuradora de Os Praceres.

Así o avanzaron este luns o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que visitaron as instalacións da depuradora acompañados polo delegado territorial da Xunta, Luis López, e a directora do Intecmar, Covadonga Salgado. 

Ethel Vázquez lembrou que o emisario submarino é o "plan B" cando exista algún problema coa depuradora, que nestes momentos xa pode funcionar e xa depura. De feito, durante esta visita ás obras, destacou o "enorme salto de calidade" das augas da Ría desde a ampliación da depuradora. 

A visita serviu para coñecer o avance das dúas obras, a depuradora que xa está en fase de probas e o emisario, que avanza a bo ritmo. Os técnicos responsables dos traballos explicaron aos representantes do Goberno galego os detalles dos traballos e aproveitaron para permitirlle coñecer como van as obras a representantes do sector do marisqueo. Unha delegación encabezada pola patroa maior da confraría de Lourizán, Maricarmen Vázquez, participou na visita. 

Os conselleiros destacaron, precisamente, a colaboración das confraría do fondo da Ría neste proxecto fundamental para o saneamento da Ría de Pontevedra. Froito do "diálogo" cos profesionais do marisqueo modificouse o proxecto do emisario ata lograr, en palabras de Rueda, un proxecto que "mellora" o marisqueo. 

"Os bancos marisqueiros non poden resultar afectados, ao contrario, teñen que saír mellorados pola calidade das augas", sinalou Rueda. Ethel Vázquez engadiu que no emisario se usou un sistema pioneiro en España "para protexer o marisqueo". 

Así, as obras do novo emisario teñen unha enorme complexidade técnica pola vontade non afectar á produción marisqueira. Para evitar o impacto nos bancos marisqueiros a pé, o túnel do emisario, que ía ser de 300 metros, foi finalmente de máis de 700, o que supuxo elevar o investimento en 2 millóns de euros. O citado "diálogo" coas confrarías do fondo da Ría de Pontevedra tamén levou a desprazar a cámara de carga e a estación de bombeo para reducir o seu impacto visual e deixar libre a fachada litoral. 

No túnel do novo emisario trabállase a diario desde o pasado 25 de marzo, leva 370 metros e a previsión, ao ritmo actual, é que quede rematado a finais de abril. Para facelo, traballan as 24 horas do día cunha máquina singular de grandes dimensións importada de Alemaña que usa unha tecnoloxía ‘directi pipe’, de perforación dirixida, un sistema pioneiro en España. 

A tuneladora avanza a unha velocidade de 40-90 milímetros por minuto, abríndolle paso á tubaxe que formará o túnel e un propulsor fai o empurre cara ao interior e permite o avance dese conxunto de tuneladora máis tubaxe. 

Este emisario será complementario á depuradora, da que a conselleira Vázquez destacou que está na fase final da posta en marcha e probas, que se prevé culminar no vindeiro verán. A falta de rematar a fase de probas, acádanse xa resultados satisfactorios e unha mellora notable dos parámetros, sobre todo en tempo seco.

Segundo destacou Ethel Vázquez, esta depuradora dos Praceres é a cuarta máis grande de Europa na súa tecnoloxía e tivo un investimento de 16,5 millóns de euros, aos que hai que sumar 10 millóns que a Xunta destinará durante os vindeiros 2 anos a garantir o funcionamento e mantemento das instalacións. 

Neste punto, tanto Rueda como Vázquez lembraron que Pontevedra é a única das 7 cidades galegas na que a Xunta xestiona a depuradora e non o fai o Concello, a quen lle correspondería por competencias. Está en fase de licitación e Augas de Galicia recibiu un total de 11 ofertas para a xestión e o mantemento para os próximos 2 anos.

A obra do novo emisario supón un investimento de 12 millóns. En total, estas dúas actuacións na depuradora e no emisario forman parte do Plan de saneamento da ría de Pontevedra elaborado pola Xunta, que se complementan con outras intervencións previstas, en diferentes fases de tramitación no saneamento do río Lameira, o bombeo de Cocheras, o saneamento da Seca e o do porto de Campelo, en Poio.