O novo emisario submarino da depuradora de Praceres estará listo en 12 meses

Pontevedra
11 de maio 2021

A obra está xa en marcha cos traballos previos e a fabricación das tubaxes de grandes dimensións. A construción do túnel polo que discorrerán os primeiros 700 metros de emisario realizaranse cunha técnica tuneladora importada desde Alemaña que nunca se empregou en España

A conselleira Ethel Vázquez preside a reunión previa ao inicio das obras do novo emisario submarino de Praceres
A conselleira Ethel Vázquez preside a reunión previa ao inicio das obras do novo emisario submarino de Praceres / Xunta de Galicia

O edificio administrativo da Xunta en Pontevedra foi escenario este martes dunha reunión de traballo para informar os colectivos afectados do inminente inicio das obras de construción do novo emisario submarino que dará saída ás augas xa depuradas do a estación de tratamento de augas residuais de Praceres.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, presidiu o encontro no que estiveron tamén tecnicos de Augas de Galicia, do Intecmar e a patroa maior da Cofraría de Praceres, Mari Carmen Vázquez.

Despois de lembrar a cantidade "de recursos e tempo" que está a dedicar a Xunta ao saneamento da ría de Pontevedra, que Vázquez cifrou nuns 47 millóns de euros, a conselleira asegurou que o novo emisario estará operativo nun prazo máximo de 12 meses. 

"Estamos xa con todos os traballos previos activados, no taller estanse a fabricar as tubaxes de grandes dimensións", avanzou a mandataria popular, citando obras complementarias como as de mellora da depuradora de Praceres, que están ao 40 % de execución, a do río Lameira, a do porto de Campelo ou a de Cocheiras en Pontevedra.

Unha das principais complicacións que terá que afrontar o equipo construtivo é a de executala "de xeito compatible e respectuoso coa actividade extractiva que necesita o sector do mar", admitiu Vázquez.

De feito, para evitar danos nos bancos marisqueiros e atendendo ás alegacións das mariscadoras, a Xunta tivo que modificar o proxecto e ampliar o investimento en 2 millóns de euros para alongar o túnel da parte inicial do emisario submarino. 

Este túnel de máis de 3 quilómetros de lonxitude terá dúas partes diferenciadas. A primeira, duns 700 metros de lonxitude, precisará dunha tuneladora para implantalo baixo o leito marítimo. A outra parte, irá fondeada sobre o propio leito.

"O tramo máis complicado é o que vai en túnel. Inicialmente era moito máis curto e saía nunha zona que coincidía con zonas de marisqueo a pé. Incrementouse a lonxitude do túnel e modificouse o procedemento construtivo. Empregarase unha tecnoloxía alemá que nunca se empregou en España e permitirá saír coa cabeza tuneladora no leito mariño" para reducir o impacto nas zonas de marisqueo, explicou un dos técnicos de Augas de Galicia.

De forma paralela á tunelación do fondo mariño, irase construíndo o emisario en tramos de 300 metros para fondealos de forma provisional e, tan pronto como se finalice o túnel, conectar todas as partes do emisario, que desembocará a unha profundidade de 28 metros.

Os efluentes, aseguran os técnicos, non causarán ningún tipo de dano aos fondos marisqueiros nin á calidade da auga das praias da ría porque "o punto de vertedura non se escolleu de casualidade, fixéronse unha chea de estudos e unha vez calibrados os modelos, probáronse distintos puntos de vertedura de final do emisario e elixiuse o mellor punto para que nas peores condicións posibles non se visen afectadas praias nin zonas de moluscos", explican desde a Xunta.

"Ademais, o emisario está calculado en modo fallo da depuradora. En condicións normais a desinfección faise na depuradora", engade o traballador para achegar máis tranquilidade a uns traballos pensados para mellorar a calidade e o saneamento da ría de Pontevedra.

Doutra banda, o emisario actual, polo que agora desaloxa as augas da depuradora e de Ence, manterase en funcionamento pero pasará a ser de uso exclusivo da factoría. Mentres que o novo conduto empregarase unicamente para as augas, xa depuradas, da EDAR de Praceres.

A patroa maior da Confraría de Praceres, Mari Carmen Väzquez, mostrouse confiada coa planificación dos traballos, pero puntualiza que "ata que se acabe todo non vou estar satisfeita". Ademais, pediu á conselleira unha nova reunión con todas as confrarías do fondo da ría para explicarlles tamén a eles como van ser os traballos e cales van ser as consecuencias das obras.

Arquivado en