O novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Praceres custará finalmente máis de 10,1 millóns de euros e o proxecto executarao a empresa Copasa nun prazo de 18 meses, dos que adicará tres á redacción do proxecto e 15 á execución das obras propiamente ditas.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, sacou a concurso a elaboración do proxecto e a execución das obras por máis de 12 millóns de euros e este venres acaba de anunciar a súa adxudicación e o prezo final, dous millóns inferior.
Esta obra hidráulica, declarada de interese da comunidade autónoma no plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino.
Trátase de executar un novo emisario submarino que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitadas ás necesidades actuais e futuras. As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten xa adxudicadas a Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas, por un importe de 13 millóns de euros.
Esta obra comezará neste mes de xuño e supón dar cumprimento aos compromisos adquiridos coa Unión Europea. Cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.
A Xunta destaca que o saneamento da ría de Pontevedra é unha das principais prioridades para os próximos anos en materia de actuacións hidráulicas. Con estas actuacións séguese a traballar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa, algo que segundo o goberno galego redunda na mellora da calidade de vida da poboación asentada no entorno da ría, contribúen a aumentar a competitividade económica e ao fomento do turismo e melloran a produtividade no sector marisqueiro.