O novo edificio xudicial da Parda dispoñerá de 240 prazas de aparcadoiro distribuídas en dous sotos, segundo confirmou o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda.
"Serían prazas gratuítas pero só para os funcionarios e traballadores do edificio xudicial", especificou Rueda.
O vicepresidente participou este xoves en Pontevedra nunha reunión de traballo con representantes da administración de xustiza da cidade, para coñecer as súas achegas e suxestións sobre o proxecto de execución do novo edificio xudicial da Parda.
Se trata, segundo dixo Alfonso Rueda dunha "último vistazo", xa que se houbese cambios "aínda estamos a tempo para facelos durante este mes que pode pasar dende a cesión ata a licitación e incorporar se fose posible sen excedernos do presuposto", que se eleva aos 16 millóns de euros.
O proxecto do novo edificio contempla 240 prazas de aparcadoiro en superficie e nos dous sotos de 4.800 metros cadrados cada un. "As de dentro por motivos de seguridade son para xente que ten que estar acreditada para poder entrar", explicou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, que mostrou a súa confianza en que sexa unha capacidade "suficiente para os usuarios directos do edificio".
TRASLADO
Alfonso Rueda informou que a idea que se manexa é trasladar 15 xulgados para este novo inmoble. Serían as sedes xudiciais de Pontevedra que se encontran dispersas na Audiencia Provincial (catro xulgados do social e dous do mercantil), nun edificio da rúa Germán Adrio (tres xulgados do contencioso administrativo).
Pola súa banda, a sede da Parda acolle actualmente quince xulgados ademais do de garda, a Fiscalía e o Decanato.
"Así conseguimos desafogar o edificio da Parda co que a sede da Fiscalía, que agora ocupa unha planta, ampliaría o seu espazo a unha segunda planta máis", comentou Rueda Valenzuela.
"Quedaría todo o mundo moito máis desafogado e o que é máis importante deixariamos sitio para que calquera cambio que houbese nos xulgados actuais, modificación da Planta Xudicial ou crecemento do número de xulgados, dispoñeriamos do sitio", sinalou o vicepresidente do goberno galego.
PASARELA ELEVADA
O proxecto do novo edificio considera un inmoble cunha altura máxima de sete plantas e estará unido ao xa existente mediante unha pasarela aérea. Ademais terá unha "distribución panelable, con todas as canalizacións para as novas tecnoloxías".
Segundo Rueda será unha "pequena cidade da xustiza onde todo estea concentrado", por este motivo engadiu que a parcela que provocou a demora deste proxecto "era a ideal" e engadiu "comprendemos que era un sitio que non era doado de expropiar, pero agora saímos todos gañando".