O novo edificio xudicial da Parda inaugurarase o próximo 3 de setembro

Pontevedra
24 de agosto 2019

O acto inaugural do novo edificio está previsto nas instalacións da rúa Hortas ás 11.00 horas do martes 3 de setembro e xa está confirmada a presenza de Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda. As obras prolongáronse durante os tres últimos anos

Construción do novo edificio xudicial na Parda
Construción do novo edificio xudicial na Parda / PontevedraViva

O novo edificio xudicial de Pontevedra, situado á beira do actual inmoble dos xulgados da Parda, xa ten data para a súa inauguración. Está previsto que sexa o próximo martes 3 de setembro e xa está confirmada a presenza do presidente e o vicepresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda Valenzuela. O acto inaugural está previsto nas instalacións da rúa  Hortas ás 11.00 horas. 

Os novos xulgados, orzados en 21 millóns de euros e que empezaron a construírse en agosto de 2016, pensáronse para cubrir as necesidades xudiciais do partido xudicial de Pontevedra durante as próximas décadas

Durante os tres últimos anos construíuse un edificio cunha superficie de 21.000 metros cadrados e capacidade para 28 unidades xudiciais. Inicialmente, o prazo de execución da obra expúxose de 21 meses, pero as dificultades técnicas atopadas na fase de cimentación obrigaron a establecer un novo calendario para o proxecto. Finalmente, as obras déronse por terminadas

O novo inmoble, que estes días encara xa a recta final de sóbrala, está conectado co edificio xudicial actual a través dunha pasarela acristalada de 40 metros e conta con 18 salas de vistas con luz natural e boa acústica, cunha gran sala para celebración de vodas e con xardíns tanto no interior como no exterior, onde haberá tres novas prazas públicas.

O edificio recentemente construído permitirá poñer fin aos problemas de amontoamento que sofren na actualidade os xulgados pontevedreses e unha mellora do servizo aos cidadáns.