O novo edificio do Museo destinado á arqueoloxía estará en Valdecorvos

Pontevedra
13 de novembro 2019

O Museo de Pontevedra terá un espazo "digno" para exhibir a súa notable colección de arqueoloxía. Será nun edificio "noble" de nova construción, segundo avanzou este mércores o vicepresidente da Deputación, César Mosquera. Tras un 'casting' entre posibles emprazamentos, o inmoble estará na zona de Valdecorvos

César Mosquera sinala a parcela na que irá o novo edificio do Museo
César Mosquera sinala a parcela na que irá o novo edificio do Museo / PontevedraViva

O Museo de Pontevedra terá un espazo "digno" para exhibir a súa notable colección de arqueoloxía. Será nun edificio "noble" de nova construción, segundo avanzou este mércores o vicepresidente da Deputación, César Mosquera. Tras un 'casting' entre posibles emprazamentos, o inmoble estará na zona de Valdecorvos.

O edificio destinado a arqueoloxía ocupará a parcela de 10.055 metros cadrados que, no seu día, foi ofertada á Xunta de Galicia para construír o finalmente descartado colexio de Valdecorvos e, nestes momentos, funcionaba como aparcamento disuasorio.

Para a súa construción, o Concello de Pontevedra cederá estes terreos á Deputación que, lembrou Mosquera, xa reservou un millón de euros nos orzamentos de 2020 para afrontar este proxecto. En total, calcula que o investimento alcanzará os tres millóns.

Este novo edificio, que o Museo quere ter "feito e dotado" en 2021, terá un espazo de almacenaxe "moi potente", unha área para oficinas ou un laboratorio para clasificar, catalogar ou restaurar os restos arqueolóxicos que reciba. Ademais, haberá unha zona destinada a investigación e, por suposto, unha ampla zona de exposición ao público.

Ocupará uns 4.000 metros cadrados e o resto da parcela será acondicionada con zonas verdes e unha área de aparcamento.

En principio, a falta da decisión dos técnicos, a intención do Museo é trasladar a este edificio todos os fondos pétreos -miliarios ou restos prehistóricos- que atesoura a institución, que recuperaría algúns que actualmente están cedidos a varios municipios por falta de espazo, pero non outras coleccións como, por exemplo, o tesouro de Caldas.

O responsable político do Museo explicou que esta decisión vén motivada pola "necesidade" de que un museo que é a "referencia" da provincia para os restos arqueolóxicos conte con espazo para custodiar e exhibir todo este material que, debido ao seu tamaño e o seu peso, "se leva mal cun edificio urbano".

"É o que están a facer todos os museos que teñen arqueoloxía nos seus fondos", sinalou Mosquera, que recoñeceu que a Deputación chegou a barallar como posibles localizacións a imprenta provincial, uns terreos na Parda, os polígonos de Barro e A Reigosa, o castelo de Soutomaior ou o Pazo de Liñares (Lalín).

Este proxecto forma parte da política "ambiciosa" que, segundo Mosquera, emprenderá o Museo de Pontevedra, unha institución "con máis potencialidades das que está tendo" e que incluirá ademais a reforma integral dos edificios de Castro Monteagudo e Flórez, actualmente pechados ao público polo seu estado de deterioración.