Tarde do martes 27 de xuño. A igrexa do Mosterio de Lérez atópase ateigada de persoas que asisten ao funeral de "Tito", un home querido na parroquia, unha persoa que axudaba na elaboración dos beléns de Nadal e que mesmo colaborou no pintado interior do templo.
Pablo Carou, o novo párroco de Lérez desde o falecemento de Crisanto Rial, evitaba facer referencia durante a homilía ao veciño falecido, situación que se recibe con incomodidade entre os asistentes. Pero a tensión desátase cando unha coñecida devota practicante da parroquia e habitual nas actividades relixiosas acode a comulgar e o cura négalle a eucaristía.
A asombrada freguesa, catequista durante moitos anos na parroquia, insiste en que quere recibir a comuñón e o crego alega que ela estivo a falar e creando balbordo durante a celebración litúrxica.
A sorpresa e o nerviosismo aumentaban entre os asistentes polo inusual conflito diante do altar. A seguinte freguesa da fila da comuñón recibe do cura a eucaristía na man e ao virarse cara á zona onde aínda se atopaba a muller á que se lle negou o sacramento, o sancristán entendendo que pretendía entregarlla á súa antecesora na cola, interponse e retíralle a hostia da man.
O incidente causa malestar entre os familiares asistentes ao funeral e entre a maioría dos presentes ao acto relixioso. Como consecuencia, varios deses familiares manteñen unha longa conversa co párroco ao final do acto funerario demandando unha explicación, segundo indican diversos veciños da parroquia.
Pablo Carou, que tamén é párroco de Santa María de Mourente e capelán de Montecelo, este venres noprograma La Opinión de Radio Pontevedra afirmaba que estaba "sorprendido" porque "no hubo tal trifulca" asegurando que "todo se debió a la persona que se puso delante de la fila de la comunión y no permitió comulgar a los demás" acusándoa de que "robó" a comuñón á outra muller da fila.
Mesmo sinalou que tirou a sagrada forma ao chan "y eso fue un sacrilegio", asegurou, admitindo que a familia do defunto estaba moi desgustada polo comportamento "de esta señora que habitualmente no está bien (...) no sé lo que le pasa pero no está bien".
"Estuvo reventando la misa con comentarios en voz alta" alega o sacerdote afirmando que a situación é complicada con ela porque xa ao anterior párroco o tiña "supuestamente amenazado", feitos que negan numerosos veciños de Lérez consultados nas últimas horas.
PIDEN QUE MARCHE DA PARROQUIA
PontevedraViva ten coñecemento, por distintas fontes, de que a freguesa acusada desta forma polo cura e tamén familiares do defunto ao que se dedicaba o funeral se puxeron en contacto co vicario Calixto Cobo, que se comprometeu a buscar unha solución ao conflito coa intención de que Pablo Carou pida perdón publicamente.
"Alguien vendrá que bueno te hará. Don Crisanto al lado de este era Santa Teresa de Jesús"
Veciños da parroquia acusan o crego de mentir no relato do incidente e piden o seu traslado porque non existe entendemento por diversas circunstancias relacionadas coa súa oposición á lectura de escritos de recordo ás persoas falecidas durante os funerais, homilías con duras críticas a vestimentas utilizadas no templo e mesmo a permisividade que ten co seu can para que entre na igrexa.
Diversas persoas advirten de que iniciarán unha campaña de recollida de sinaturas para pedir a marcha de Pablo Carou se a autoridade eclesiástica non actúa ante estes feitos e están dispostos a realizar manifestacións.
"Alguien vendrá que bueno te hará. Don Crisanto al lado de este era Santa Teresa de Jesús", afirma unha fregueses de Lérez que lembran que o anterior párroco tamén era criticado por determinadas decisións polémicas.