O novo coronel da Garda Civil, partidario de estender a loita contra os incendios máis aló da campaña de verán

Pontevedra
06 de agosto 2019

Simón Venzal Contreras segue coa súa rolda de visitas e presentacións institucionais tras a súa chegada á Comandancia pontevedresa. Este martes foi a quenda da Deputación Provincial, onde se reuniu coa presidenta, Carmela Silva,

Reunión entre Carmela Silva e Simón Venzal
Reunión entre Carmela Silva e Simón Venzal / Mónica Patxot

O novo coronel da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal Contreras, segue coa súa rolda de visitas e presentacións institucionais tras a súa chegada á Comandancia pontevedresa. Este martes foi a quenda da Deputación Provincial, onde se reuniu coa presidenta, Carmela Silva, e mostrou a súa preocupación, nesta época do ano, polos incendios forestais. 

Simón Venzal recoñeceu que ás preocupacións habituais de todo o ano,  "que todos los ciudadanos tengan sensación de seguridad", súmaselle unha "añadida" no verán, os incendios. Trátase dun aspecto no que están a traballar e o coronel aposta por "extenderlo casi todo el año, no limitarlo a verano". 

Habitualmente, a loita contra os incendios concéntrase na campaña de verán, pero el cre que non debe limitarse e o traballo actual "va en esa línea", que supón unha serie de "esfuerzos añadidos". 

A presidenta da Deputación mostrou a súa satisfacción por recibir ao novo coronel e, tras a reunión, manifestou que nun estado democrático e de derechoi as Forzas e Corpos de Seguridade "son fundamentais para seguir consolidando este sistema democrático que temos"

No caso particular da Garda Civil, cre que xoga un papel moi importante na vertebración do territorio e no mantemento do patrimonio, o coidado do medio ambiente e a loita contra as violencias machistas, entre outras cuestións. 

Segundo explicou, a súa intención é seguir colaborando coa Garda Civil de Pontevedra como ata agora e mesmo incrementar esa colaboración. 

A preguntas dos xornalistas, o coronel tamén indicou que antes da súa chegada xa tiña a percepción de que na Comandancia había un cadro de persoal de mandos e de persoal "muy bueno, excelente". Tras as súas primeiras semanas no cargo, puido confirmalo e tamén constatar que "estamos dando un servicio bastante bueno".

Aínda que recoñece que "siempre hay todo es mejorable" e gustaríalle ter máis xente prestando servizo en todos os postos, constata que co persoal actual "se presta un gran servicio en la provincia"