Os técnicos municipais están a ultimar os pregos do novo contrato da auga en Pontevedra. Están "practicamente terminados", segundo o concelleiro responsable desta materia, Raimundo González, do mesmo xeito que o estudo de viabilidade e o proxecto de explotación. A novidade é que o Concello incluirá novas prestacións para compensar o seu alto custo.
Así, ata agora, o contrato da auga en Pontevedra limitábase á auga en alta -desde que sae do Pontillón ou do Lérez ata a estación potabilizadora-, á auga en baixa -desde a estación potabilizadora ata que sae da billa- e o saneamento -desde que sae da billa ata que chega á estación depuradora de Praceres-.
O goberno local quere delegar neste contrato todas as cuestións relacionadas co ciclo da auga, de forma que o Concello non teña que contratar eses traballos a terceiras empresas e as condicións económicas sexan máis vantaxosas para as arcas municipais.
A nova concesionaria do contrato da auga terá que asumir toda a rede de pluviais, o mantemento das 400 fontes urbanas e rurais, o mantemento ou o mantemento e a reposición dos contadores e das acometidas.
Desta maneira, os usuarios só terán a obrigación de instalar o primeiro contador e facer a acometida entre a rede xeral e a vivenda ou edificio. A partir de aí, ese mantemento correrá a cargo da empresa que xestione este servizo.
Ademais, a compañía terá que facerse cargo da ampliación da potabilizadora de Monte Porreiro e dos novos bombeos, como o que está previsto en Mourente e da reparación e mantemento da rede en alta e da galería de servizos.
Estas novas prestacións incrementarán, recoñeceu Raimundo González, o custo do contrato, pero o Concello entende que a medio prazo beneficiará ás contas municipais e, ademais, evitará conflitos cos usuarios do servizo.
Este aumento do custo "non afectará necesariamente" aos abonados, xa que o portavoz municipal lembrou que a tarifa pasará a estar ligada ao consumo, eliminando o consumo mínimo que está vixente actualmente, polo que a maioría dos pontevedreses "pagarán menos" pola auga que consome cada domicilio ou negocio.
A tramitación do contrato avanzará máis este martes 14 de febreiro, coa reunión que manterán os responsables dos diferentes servizos municipais para analizar o decreto aprobado polo Goberno o pasado 3 de febreiro que regula as cláusulas de revisión dos contratos das administracións públicas.