O novo Cerdedo-Cotobade completarase en oito meses e terá a súa capital en Carballedo

Cerdedo-Cotobade
24 de febreiro 2016

Oito meses. É o período de tempo estimado para completar a primeira fase da pretendida fusión entre os concellos pontevedreses de Cotobade e Cerdedo, anunciada este martes. Así se recolle no informe xustificativo desta fusión que presentaron os alcaldes ante a Xunta e que cita o descenso demográfico como principal argumento para a unión de ambos os municipios

Casa do concello de Cerdedo-Cotobade
Casa do concello de Cerdedo-Cotobade

Oito meses. É o período de tempo estimado para completar a primeira fase da pretendida fusión entre os concellos pontevedreses de Cotobade e Cerdedo, anunciada este martes polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os seus respectivos alcaldes, Jorge Cubela e José Balseiros.

Así se recolle no informe xustificativo desta fusión que presentaron os alcaldes ante a Xunta e que cita o descenso demográfico como principal argumento para a unión de ambos os municipios. Só así, aseguran, Cotobade e Cercedo poderán contar cos ingresos suficientes para seguir prestando servizos aos seus veciños e frear o seu despoboamento.

Entre outras cuestións, calcúlase que ao fusionarse ambos os municipios obteranse ingresos adicionais que alcanzan os 1,5 millóns de euros nunha lexislatura; e ademais haberá un menor custo burocrático ao contar cunha única corporación municipal e os aforros que supoñerá a contratación conxunta de servizos e subministracións varios.

Cerdedo-Cotobade terá unha superficie de 214,5 quilómetros cadrados de extensión e contará con 6.160 habitantes. Deles, 4.332 residen actualmente en Cotobade fronte aos 1.828 que viven en Cerdedo.

Aínda que por agora non transcenderon demasiados detalles sobre o funcionamento do futuro concello, si se confirmou que a capital deste novo concello estará situada na parroquia de Carballedo e a súa sede institucional será a actual casa consistorial de Cotobade.

A pesar diso, as dependencias administrativas do Concello de Cerdedo seguirán abertas para atender aos veciños, para que estes non perdan proximidade cara á administración. Tampouco se pechará, segundo insisten ambos os alcaldes, ningún equipamento en ambos os municipios tales como centros de saúde, colexios, centros sociais ou casas de cultura e tamén se respectarán os postos de traballo dos seus funcionarios, aínda que haberá unha reorganización.

A capital deste novo concello estará situada na parroquia de Carballedo e a súa sede institucional será a actual casa consistorial de Cotobade

Pero esta fusión tamén terá que salvar un escollo. Cotobade pertence ao partido xudicial de Pontevedra e Cerdedo ao da Estrada, polo que queda por saber como se reorganizará este asunto. O máis probable é que sexa este último o que pase a depender de Pontevedra, aínda que diversas fontes apuntan a certas complicacións administrativas.

UNHA XESTORA ATA AS PRÓXIMAS ELECCIÓNS

Tras os oito meses de trámites, que oficialmente se iniciarán a próxima semana cando se aprobe o inicio do proceso de fusión en senllos plenos das respectivas corporacións municipais, o novo concello estará rexido por unha xestora composta polos vinte concelleiros electos o pasado mes de maio, á fronte da que estará un alcalde e un vicealcalde, previsiblemente Cubela e Balseiros, aínda que se descoñece en que orde.

Esta xestora estará á fronte do concello fusionado ata as eleccións municipais de 2019, cando se elixirá unha corporación que estará composto por trece edís.

A partir de agora, segundo explicou Jorge Cubela, iniciarase un debate público para que todos os veciños de ambos os municipios teñan toda a información necesaria sobre este proceso e as razóns que impulsaron aos rexedores de Cotobade e Cerdedo a propoñer esta fusión que cambiará lixeiramente o mapa municipal da provincia de Pontevedra, ao quedar con 61 concellos.