A Consellería de Sanidade acaba de licitar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Barro.
A través das bases, xa se poden coñecer detalles de como será este novo equipamento, que terá máis do dobre de espazo que o actual.
O plan funcional que se contempla para este novo centro de saúde dótao con catro consultas de adultos, unha sala polivalente, unha sala de toma de mostras, área de pediatría con dúas consultas e unha consulta de matrona.
Isto supón incorporar unha sala polivalente, unha consulta de enfermería pediátrica e unha sala de xuntas para o persoal.
O actual centro de saúde, cunha antigüidade de 40 anos, conta con accesos non axeitados, instalacións anticuadas e unha evidente limitación de espazos e o edificio novo terá uns 800 metros cadrados e tamén se vai habilitar unha área da muller cunha consulta de matrona.
A licitación publicouse este venres no Portal de Contratos de Galicia por un importe de 126.229,57 euros e agora as empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata o 15 de xullo para presentar as súas propostas.
A redacción do proxecto básico ten un prazo de execución de un mes desde a formalización do contrato e, a continuación, a redacción do proxecto de execución ten un prazo de dous meses desde a aprobación do proxecto básico.
A Xunta de Galicia destaca que a celeridade do Concello en ofertar unha parcela viable para a súa cesión inmediata e a ausencia de propostas concretas doutros concellos inicialmente previstos para a súa execución antes de Barro levaron a priorizar esta proposta.