O novo campo da festa de Almofrei, listo para o arranque do San Lourenzo

Cerdedo-Cotobade
07 de agosto 2017

Un total de 25.000 euros investiu o Concello de Cerdedo-Cotobade na construción do novo campo da festa da parroquia de Almofrei, que xa está a punto para acoller as festas patronais na honra de San Roque e San Lourenzo

Novo campo da festa de Almofrei
Novo campo da festa de Almofrei / Concello de Cerdedo-Cotobade

Un total de 25.000 euros investiu o Concello de Cerdedo-Cotobade na construción do novo campo da festa da parroquia de Almofrei, que xa está a punto para acoller as festas patronais na honra de San Roque e San Lourenzo.

Esta foi unha das primeiras obras realizadas ao abeiro do orzamento municipal tras a fusión con Cerdedo, e beneficiouse dunha mellora de 4.200 euros.

A construción, que se prolongou durante nove xornadas de traballos centrándose na pavimentación e noutros detalles, consistiu no reafirmado, nivelación e compactación do terreo, a colocación dun bordo prefabricado de formigón e a dotación dunha capa de rodaxe de cinco centímetros de aglomerado en quente.

A maiores, e por mor da mellora ofertada pola firma local adxudicataria -que competiu con outras tres neste contrato menor-, instalouse unha varanda de 53 metros de lonxitude en aceiro galvanizado.

O novo campo da festa será inaugurado este xoves 10 de agosto, na primeira xornada das festas de San Lourenzo e San Roque.

Nese día está prevista a celebración dunha misa solemne e as actuacións de charanga Charandonga, a orquestra Pontevedra e o concerto estrela de París de Noia.

As festas de Almofrei, as primeiras co seu renovado campo, seguirán o venres con misa, procesión e a tradicional entrega do ramo e a música de Televisión e Miramar. Ademais, haberá degustación de chocolate gratuíta e inchables para os cativos.