O novo aparcadoiro disuasorio de Seixo terá capacidade para cerca de 40 prazas

Marín
11 de marzo 2021

O concelleiro de Medio Rural do Concello de Marín, Pablo Novas, anunciou este xoves que se poñerá a disposición da cidadanía unha nova parcela situada na parroquia de Seixo, na Rúa Doutor Otero Ulloa 120, cunha superficie de 824 metros cadrados. Con este espazo está previsto que se gañen entre 35 e 40 prazas de aparcadoiro

Parcela apacadoiro disuasorio en Seixo
Parcela apacadoiro disuasorio en Seixo / Concello de Marín

O concelleiro deMedio Rural do Concello de Marín, Pablo Novas, anunciou este xoves que se poñerá a disposición da cidadanía unha nova parcela situada na parroquia de Seixo, na Rúa Doutor Otero Ulloa 120, cunha superficie de 824 metros cadrados. Con este espazo está previsto que se gañen entre 35 e 40 prazas de aparcadoiro, segundo comenta o goberno local.

"Este é un lugar totalmente céntrico, fronte á Igrexa parroquial, e que dará servizo a tódolos establecementos da zona", explica o edil, como o Mercado de Abastos, o pequeno comercio, os locais de hostalaría, ou Cine Seixo entre outros. Segundo Pablo Novas este novo espacio apoiará a actividade que se dá na Casa de Cultura, na Alameda ou na propia igrexa.

Segundo o goberno local levan varios anos traballando na reordenación do espazo público para facelo máis habitable, ordenado e no que poidan coexistir todas as necesidades da veciñanza. Dentro desta liña, a creación de aparcadoiros disuasorios é unha das estratexias que resultaron máis útiles para poder absorber a demanda de estacionamento que ten Marín en todo o seu termo municipal.

Só no casco urbano, existen máis dunha decena de parcelas que realizan esta función e axudan a desconxestionar o estacionamento nas rúas céntricas, ofertando en total cerca de 600 prazas extra de aparcamento.