O novo aparcadoiro disuasorio de Jaime Janer está case listo para ser utilizado polos marinenses

Marín
08 de novembro 2020

Ademais, o goberno local pediu permiso a Augas de Galicia para instalar un paso peonil de madeira no río Lameira, que permitiría unir o novo aparcadoiro co CEP Sequelo e coa área das hortas urbanas

Obras do novo aparcadoiro disuasorio da rúa Jaime Janer
Obras do novo aparcadoiro disuasorio da rúa Jaime Janer / Concello de Marín

Esta semana remataron as obras para a habilitación dun novo aparcadoiro disuasorio que tramitou o Concello nunha parcela da rúa Jaime Janer, que dará servizo a toda a zona, sumando ao actual espazo público adicado a estacionamento unhas 50 novas prazas. A próxima semana, unicamente faltará rematar co adecentamento da entrada para os vehículos.

Ademais, o goberno local está a traballar no proxecto de instalación dunha pasarela peonil de madeira no río Lameira, que permita unir o novo aparcadoiro coa zona do Pavillón e o CEP Sequelo, xa que na actualidade non existe ningún paso que permita cruzar.

Actualmente, existe unha senda peonil ao longo dun tramo deste río, que recorre o pavillón do CEP Sequelo e outras edificacións, así como as hortas urbanas.

Segundo se detalla na memoria encargada polo Concello, coa pasarela peonil podería accederse directamente desde o aparcadoiro até o pavillón, o centro educativo e as hortas de xeito directo, evitando dar toda a volta e mellorando así as conexións de mobilidade nesta zona tan transitada.

O Concello está pendente de que Augas de Galicia lle dea permiso para a instalación deste paso peonil.