O novo alumnado universitario poderá coñecer o campus cunha recepción de benvida o 5 de setembro

Pontevedra
29 de xullo 2024

O curso arrancará oficialmente o 9 de setembro, pero con esta xornada previa búscase que o alumnado poida coñecer toda a información necesaria para que se desenvolva na vida universitaria. Será na Escola de Enxeñaría Forestal. Haberá actos paralelos en Ciencias da Educación e do Deporte para estudantes estranxeiros

Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra
Escola de Enxeñería Forestal do campus de Pontevedra / Escola de Enxeñería Forestal - UVigo

O alumnado que comeza este curso na Universidade de Vigo terá, nos días previos ao inicio do ano académico, unha xornada de benvida para achegarse á institución dun xeito lúdico. Para aqueles que se matricularon no campus de Pontevedra, a xornada de benvida será o día 5 de setembro na Escola de Enxeñaría Forestal.

Segundo a información facilitada polo DUVI da Universidade de Vigo, haberá xornadas de benvida nos tres campus. En Ourense será o día anterior, 4, no pavillón universitario e en Vigo será no pavillón do campus ao día seguinte, o 6 de setembro. 

Eses mesmos días haberá tamén nos tres campus actos de benvida ao alumnado estranxeiro. Hai deseñados actos paralelos que, no caso de Pontevedra, comezarán ás 10.00 horas na aula 6 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. 

O curso 2024/2025 arrancará oficialmente o 9 de setembro, pero con esta xornada previa búscase que o alumnado poida toda a información necesaria para que se desenvolva na vida universitaria. 

Nesas xornadas previas, facilitarase ao alumnado información sobre a institución, os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e aloxamento, o voluntariado e asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente ou o Centro de Linguas.

Tamén coñecerán a Biblioteca Universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte.

Ao longo de toda a xornada tamén haberá música e agasallos, como a axenda 2024/2025.