"O nomeamento da nova directora do Museo, ata que non se cubra o posto mediante o procedemento reglamentario, é provisional"

Pontevedra
29 de setembro 2023

Así o dixo o portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela no transcurso do Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres

Jorge Cubela e Luis López, no Pleno da Deputación de Pontevedra
Jorge Cubela e Luis López, no Pleno da Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

"O nomeamento da nova directora do Museo, ata que non se cubra o posto mediante o procedemento reglamentario, é provisional". Así o dixo o portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela no transcurso do Pleno ordinario da Deputación de Pontevedra celebrado este venres.

O cesamento do anterior director do Museo de Pontevedra non figuraba na orde do día da sesión plenaria, con todo, no primeiro punto abordouse a modificación do cadro de persoal e da relación de postos de traballo deste exercicio 2023, cun custo laboral que, en total, ascende 18.526 euros. A proposta quedou aprobada coa maioría de 14 votos do Partido Popular.

Neste punto o portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera, chamou a atención sobre a ausencia nesta modificación do cadro de persoal dos cambios producidos no Museo de Pontevedra no que "desaparece a dirección profesional" co cesamento de Juan Manuel Rey e a elección para ese cargo de "unha persoa nomeada a dedo". 

Ademais, o portavoz nacionalista denunciou que "na práctica a dirección efectiva non é profesional senón que é do deputado", en referencia ao vicepresidente Rafa Domínguez.

Para César Mosquera isto é "unha auténtica bomba de reloxería" no funcionamento da institución museística e sinalou que "todos os museos que non son uns chiringos funcionan doutra maneira".

Foi entón cando o portavoz do Partido Popular interveu, en primeiro lugar agradecendo a xestión feita por Jose Manuel Rey e, a continuación, asegurou que o nomeamento de Ángeles Tilve como nova directora do Museo é "provisional" e que tras o cesamento "contouse cunha persoa de alta capacidade técnica e de traballo para suplir esta baixa".

"Nós gobernamos, nós decidimos, nós queremos implementar un novo proxecto e nestes momentos certas cuestións van ir aprobadas dá nosa man", engadiu o portavoz popular.

Ante esta declaración Mosquera dixo ter quedado "atónito" e preguntou "Entendín ben? O portavoz do PP o señor Cubela ven de facerlle unha emenda á totalidade e dicirlle ao señor Domínguez que quede quieto, que se vai sacar a praza como corresponde?"

O portavoz do BNG na Deputación engadiu que "en certo modo case me dá vostede unha alegría", aínda que lle parece "contraditorio" que se nomease unha persoa "a dedo" para dirixir o Museo cando "o anterior estaba cumplindo" coa convocatoria dun concurso de méritos "e agora van sacar o procedemento de concurso" outra vez.

Pola súa banda, o portavoz do grupo do PSdeG-PSOE, Carlos López Font, reiterou a súa denuncia sobre a xestión do actual Goberno provincial da Deputación asegurando que "aquí hay listas negras" e "purgas ideológicas", "asesores anónimos" ou a "funcionarización exprés" dunha candidata do PP ao Senado, que completan para os socialistas o balance de tres meses nas políticas de Persoal.