O nó de bombeiros, en obras a partir do próximo luns

Pontevedra
26 de xullo 2024

Así o avanzou este venres o subdelegado do Goberno, Abel Losada, que explicou que estes traballos arrancarán tras a visita que protagonizarán, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ámbito do nó dos Bombeiros
Ámbito do nó dos Bombeiros / Mónica Patxot

Aínda que inicialmente se comunicara que o inicio das obras de reforma do nó de bombeiros comezarían o pasado 15 de xullo, finalmente non será ata o próximo luns, o día 29 de xullo, cando comece a tranformación de todo o acceso norte á autoestrada AP-9.

Así o avanzou este venres o subdelegado do Goberno, Abel Losada, que explicou que estes traballos arrancarán tras a visita que protagonizarán, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Losada asegurou que co inicio desta reforma, na que se investirán preto de dez millóns de euros, o Goberno "saldará unha débeda histórica con esta cidade".

"O Goberno de Pedro Sánchez cumpre con Pontevedra; cumpre o que promete e, ademais, cumpre as promesas incumpridas doutros", subliñou o subdelegado, que afirmou "alto e claro" que esta obra estivo "bloqueada" polo executivo que presidía Mariano Rajoy.

O subdelegado recalcou que o novo deseño do nó de bombeiros vai supoñer unha "mellora trascendental" na seguridade e fluidez dos fluxos de acceso e saída a Pontevedra, "grazas a unha nova infraestrutura de moita maior capacidade e eficiencia".

Será unha infraestrutura de gran complexidade técnica, que obrigará á posta en marcha dun plan de tráfico durante a súa execución, se ben non se agardan cortes de tráfico este verán.

A obra foi adxudicada á empresa Comsa, que terá un prazo de trece meses para rematala.