O Nadal chega a Poio con espectáculo pirotécnico, música, chocolatada e menos horas de luces para aforrar

Poio
03 de decembro 2022

Unha gran festa, amenizada pola Charanga Mil 9, reuniu máis de 200 de persoas na Praza da Alameda de Poio na noite deste venres para prender a iluminación. Está composta por preto de 300 elementos que permanecerán activos ata despois do día de Reis

Inauguración da iluminación de Nadal 2022 en Poio
Inauguración da iluminación de Nadal 2022 en Poio / Concello de Poio

O Nadal 2022 xa chegou a Poio. Na noite deste venres, o municipio deu a benvida a esta época do ano coa inauguración da súa iluminación, á que non quixo faltar a cidadanía. Unhas 200 persoas acompañaron ao Goberno municipal no acto, marcado pola música, un espectáculo pirotécnico e unha chocolatada. 

A festa comezou ás 19.00 horas con a animación musical grazas á actuación da Charanga Mil 9 e o reparto de calendarios do novo ano 2023.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), tomou a palabra para agradecer ás persoas congregadas a súa asistencia, retando ás baixas temperaturas, "para participar con nós nesta benvida do Nadal, que volve ser especial porque, logo de dous anos moi duros, volvemos empezar de cero a gozar destas datas". 

O alcalde, Luciano Sobral, Nito, tamén quixo felicitar as festas á veciñanza e agradeceu a presencia das persoas que retaron ao frío "para gozar do inicio dunhas festas tan importantes como o Nadal".

Logo das intervencións dos políticos comezou, chegou unha conta atrás antes de inaugurar a iluminación, que decorará a fachada do Consistorio e a contorna da Alameda durante estas vindeiras semanas.

O acto contou cunha sorpresa: un espectáculo pirotécnico, seguido polo berro ‘Viva o Nadal en Poio’ e por unha degustación gratuíta de rosca e chocolate quente

A iluminación de Nadal de Poio está instalada por todo o municipio, máis aló deste núcleo no que este venres se celebrou a festa. En total, hai instalados preto de 300 elementos, entre os que non faltan arcos, adornos en luminarias en ‘photocalls’ en dous lugares emblemáticos, a Praza da Chousa de Combarro e a Praza do Mosteiro.

As luces de Nadal permanecerán en funcionamento ata o domingo 8 de xaneiro, unha vez pasada a festividade de Reis.

Este ano redúcese o horario de prendido, sendo de 18.00 a 1.00 horas, xa que o Concello entende que o contexto actual require dun compromiso de aforro e contención. En todo caso, nas noites máxicas do Nadal, Noiteboa, Fin de Ano e Reis, as luces estarán operativas ata as catro ma madrugada do día seguinte.

Este encontro festivo tamén serviu para a gravación do tradicional vídeo de Nadal de Poio, que nos vindeiros días proxectarase na canle oficial de YouTube do Concello de Poio, ademais de ser compartido en redes sociais, a través de Facebook e Instagram.