Este luns 24 de outubro cúmprese un ano do crime machista que conmocionou a parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio. Na madrugada daquel sábado de 2015 José Antonio Lusquiños Bustelo, 'Coco', presuntamente matou a quen fora a súa parella durante nove meses, Conchi Reguera Peón, e deuse á fuga para ser detido horas máis tardes na casa dos seus pais en Soutomaior. O aniversario chega con moito sufrimento para a familia da vítima e con novidades no proceso xudicial. O xuízo con tribunal popular sinalouse para a semana do 12 ao 16 de decembro.
O avogado de 'Coco' indicou a PontevedraViva que o acusado, que xa confesou o crime tras a súa detención, "reconoce los hechos" e "está muy arrepentido". Atópase en prisión provisional no centro penal de Teixeiro, na Coruña, por decisión do cárcere da Lama. Unha persoa moi próxima á vítima traballa na prisión pontevedresa, de modo que se optou polo seu traslado.
No mes de xullo xa se deu a coñecer o escrito de acusación formulado pola Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra, que lle atribúe un delito de asasinato con aleivosía e pide que se lle impoña unha condena de 20 anos de prisión e 25 anos máis de prohibición de residir na parroquia de Ponte Sampaio, onde ocorreu o crime; no lugar de Acevedo, onde reside a familia da vítima; ou na cidade de Pontevedra. Nese tempo non poderá nin sequera acudir a estes lugares.
A petición dese escrito presentado pola fiscal especializada en violencia de xénero, Rosalina Carreira, tamén a subscribe a acusación popular, que exerce a Xunta de Galicia, e este xornal tivo acceso a información sobre o escrito de acusación da defensa. O seu avogado considera que os feitos que lle atribúen son constitutivos dun delito de homicidio no que concorren dúas circunstancias atenuantes que deben motivar que a súa condena sexa a 11 anos de prisión.
Dada a confesión, as partes falaron dun posible acordo de conformidade previo ao xuízo, pero esta causa penal séguese pola Lei do Xurado e esta impide este tipo de acordos en todos os procedementos nos que o procesado enfróntase a penas superiores a seis anos de prisión, de modo que do 12 ao 16 de decembro sentará no banco.
A Fiscalía sostén que o acusado e a súa vítima mantiveron unha relación sentimental durante uns nove meses, ata que ela rompeuna en agosto de 2015, ruptura que o acusado "non aceptou de bo grado". Dous meses despois, o 24 de outubro, a unha hora que non puido ser determinada, pero que se calcula próxima ás 3.30 da madrugada, 'Coco' esperou ao seu ex nas inmediacións do seu domicilio de Ponte Sampaio e, cando ela chegou conducindo o Peugeot 205 que adoitaba utilizar, díxolle que quería falar con ela e subiu ao coche co seu consentimento.
No interior do automóbil, comezou unha discusión entre eles e, durante a mesma, sobre as 3.45 horas, de súpeto e de forma inesperada, o acusado atacou á vítima cunha arma branca que levaba consigo, moi afiada, cun fío de polo menos 2,3 centímetros e unha lonxitude mínima de 8 centímetros. Feriuna e, cando ela logrou saír do coche, á altura do cruzamento de Acevedo, volveu cravar a arma varias veces.
Segundo a Fiscalía, 'Coco' cravoulle a Conchi vinte veces o coitelo na cara, o pescozo, o tórax, o brazo e a man dereitos e a man e a cara posterior de hemitórax esquerdos. Tres destas feridas eran tan graves que lle ocasionaron a morte case inmediata por hemorraxia masiva e shock hipovólemico: unha na base do pescozo que penetrou no tórax afectando á vea yugular e dúas no tórax que afectaron a estruturas vitais como o pulmón esquerdo e o tronco da arteria pulmonar.
Tras agredila, o acusado sentiu os berros dun veciño da zona que saíu á xanela ao escoitar os berros de axuda de Conchi e, para escapar, apoderouse do vehículo, que tiña as chaves postas, e fuxiu do lugar por distintas vías ata que, no lugar de Vilar, ante a imposibilidade de continuar, deixouno abandonado nun camiño no medio do monte de Ameán. Nunca chegou a atoparse a arma do crime, aínda que el relatou que a arroxara nas inmediacións do lugar onde apareceu o coche.