O Museo súmase á Feira Franca organizando uns talleres de heráldica

Pontevedra
26 de agosto 2015

A institución, dependente da Deputación de Pontevedra, realizará un taller de heráldica dirixido principalmente ao público infantil durante a xornada de Feira Franca, o sábado 5 de setembro, en sesións de mañá e tarde

Obradoiro de heráldica durante a Feira Franca
Obradoiro de heráldica durante a Feira Franca / Deputación de Pontevedra

A Feira Franca de Pontevedra tamén se poderá vivirno Museo Provincial, que un ano máis volve sumarse á popular celebración.

Farao organizando uns obradoiros de heráldica dirixidos principalmente ao público infantil e que se realizarán nos soportais do edificio Fernández López (Praza da Leña).

Desta forma os máis pequenos terán á súa disposición material para deseñar o seu propio escudo cos elementos que identifican aos seus apelidos familiares.

O taller desenvolverase de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:30 baixo a dirección de tres monitores que axudados do Libro de Heráldica de Galicia, explicarán detalles das principais liñaxes da nobreza galaica.

Ademais o posto habilitado polo Museo para sumarse á Feira Franca contará con varios xogos de memoria visual ou de cartas para nenos e adultos.

O pasado ano, segundo explica a Deputación, participaron nestes talleres 180 nenos.

O Museo Provinicial completará o seu apoio á festa medieval engalanando os seus balcóns con estandartes e bandeiras.

Arquivado en