Tras a confirmación da compra do convento de Santa Clara por parte do Concello, todas as miradas están postas no Museo de Pontevedra. Moitos entenden que a mellor opción para a súa conservación é cedelo a este organismo para que xestione o histórico inmoble.
A este respecto, o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, avanzou este venres que o Museo colaborará "en todo o que faga falta" dentro do proceso de recuperación de Santa Clara. "Se preguntades se pensamos nel para o Museo, si", engadiu.
Mosquera sinalou que os técnicos do Museo xa participaron nesta operación achegando, entre outras cousas, estudos sobre os retablos ou o estado do propio convento.
Iso si, segundo o vicepresidente provincial, non se adoptará ningunha decisión "ata que teñamos un estudo serio e rigoroso de como está", porque entre outras cuestións, "non sabemos o que pasou con parte do claustro", que parece estar oculto baixo un dos edificios próximos.
Ademais, hai que analizar "como solucionar a circulación e as entradas", subliñou Mosquera, porque ao ser un convento de clausura "o edificio mira para dentro e é difícil acceder desde fóra".
"En función diso tomarase unha decisión", concluíu o responsable político do Museo, que reiterou que en todo caso os xardíns "e todo o que se poida" estarán abertos á cidade.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou pola súa banda que a adquisición deste convento é unha "grandísima noticia" para toda a provincia.
É unha decisión "espectacular", engadiu Silva, "da que me sinto moi orgullosa" porque servirá para que "algo tan potente e con tanta historia forme parte do público".